Persoal de grandes almacéns clama contra a precariedade e a obriga de traballar domingos e festivos
Persoal do sector de grandes almacéns mobilizouse hoxe convocado pola CIG-Servizos en establecementos da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Lugo e Vilagarcía para reclamar condicións dignas e salarios xustos e reverter a obrigatoriedade de traballar en domingos e festivos estabelecida no convenio colectivo de ámbito estatal. As protestas fan parte dunha campaña posta en marcha pola central sindical que incluirá novas concentracións o vindeiro venres 27 de marzo e unha xornada de folga o xoves 2 de abril (Xoves Santo), que é festivo de apertura no comercio.
As mobilizacións tiveron lugar a partir das 18:30 horas diante de Carrefour na Coruña e Lugo, Corte Inglés en Vigo e Alcampo en Ferrol, Santiago e Vilagarcía, onde se despregaron faixas e se berraron consignas contra a precariedade laboral. Estas empresas aplican o convenio estatal de Grandes Almacéns, xunto a outras como MediaMarkt, IKEA, Leroy Merlin, FNAC ou C&A.
Segundo explican dende a CIG. a campaña reivindicativa prolongarase máis alá da folga do 2 de abril, xa que o convenio remata a súa vixencia a 31 de decembro e o próximo ano tocará negociar a súa actualización. Ademais, a central sindical estuda tamén ampliar a convocatoria de folga a todos os sectores e convenios que teñen recollida a obrigatoriedade de traballar en domingo.
Sobrecarga laboral e baixos salarios
O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, criticou durante a presentación da campaña que as empresas do sector, grandes multinacionais do comercio, están precarizando “cada vez máis as condicións de traballo con cargas de traballo excesivas, redución dos cadros de persoal e a falta total de cobertura das baixas, vacacións, licenzas etc., que se traduce en presión e ritmos de traballo máis elevados”.
Estas decisións -advertiu- repercuten directamente na calidade do servizo, pero sobre todo na saúde das persoas traballadoras, provocando que os procesos de Incapacidade Temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade “teñan aumentado considerabelmente”.
O responsábel sindical subliñou ademais que este é un sector altamente feminizado e cun índice elevadísimo de contratos a tempo parcial, sendo un dos que peores condicións ten para poder conciliar vida familiar e laboral, xa que moitas empresas obrigan a traballar os festivos e domingos que a Xunta de Galiza permite abrir no comercio. “Por suposto -critica- sen ningún tipo de compensación a cambio e mesmo incumprindo o descanso semanal regulado por lei”.
A isto súmase que no sector de grandes almacéns os salarios “son de subsistencia” e apenas superan o SMI. “Retribucións de miseria que non recoñecen nin a responsabilidade nin a cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas logran ano tras ano beneficios multimillonarios”.
Principais reivindicacións
Para comezar a reverter esta realidade laboral, con esta campaña a CIG reclama unha serie de medidas urxentes que deben incluír:
- Incremento dos cadros de persoal convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
- Limitación efectiva do traballo en domingos e festivos estabelecendo cláusulas nos convenios que garantan a voluntariedade de traballar nesas datas, con compensacións reais e respectando descansos semanais e a conciliación.
- Acordos nos centros de traballo con compromisos firmes por parte das empresas de mellorar as condicións laborais.
- Salarios xustos que recoñezan o valor do traballo con incrementos que acaden para poder vivir dignamente.
Convenio estatal precario
Alján indicou que o deterioro laboral e salarial “é froito das mesas de negociación que se desenvolven en Madrid”, e acusou os grandes sindicatos estatais de seren “actores principais e cómplices necesarios, xa que, como asinantes ano tras ano deste convenio, certifican e perpetúan que a clase obreira galega padeza condicións laborais e salariais precarias”.
Neste senso, criticou “o extraordinario exercicio de cinismo” que practican estes sindicatos, “que saen agora con anuncios de mobilizacións e folgas en contra do que eles mesmos negocian e asinan coa patronal”.
Finalmente, o secretario nacional da CIG-Servizos aseverou que “o sector non pode manterse instalado na constante precariedade. A CIG continuará traballando, mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiros de persoas traballadoras do comercio, especialmente nos grandes almacéns. Porque sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro”, rematou.