Persoal de GKN en Vigo mobilízase na empresa para reclamar medidas contra as altas temperaturas e o ruído
Traballadores/as e delegados/as da CIG e UGT no comité de GKN Driveline de Vigo desenvolveron este venres unha concentración diante da empresa para reclamar que se activen medidas contra as altas temperaturas e os ruídos que se rexistran no interior das instalacións. Os representantes sindicais da compañía do sector da automoción demandan a activación do protocolo de estrés térmico e que se dote a planta dun sistema de climatización en condicións.
A mobilización para reclamar unhas condicións de traballo dignas desenvolveuse ás portas das instalacións de GKN (antiga Indugasa) en terreos da Zona Franca de 13:30 a 14:00 horas. Alí, un grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais -entre eles o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Paco Sío- despregou unha faixa co texto “Condicións laborais dignas. Non máis calor e ruído”.
Os promotores/as da protesta sosteñen que as condicións de saúde laboral non cumpren cos parámetros legalmente establecido e lembran que levan dende o ano 2012 requiríndolle á dirección que “tome en serio o problema do estrés térmico na fábrica de Vigo”. Segundo indican, a empresa conta cun protocolo que prevé temperaturas de 45 graos dentro das instalacións, só facilitando auga e facendo paradas a partir dos 36. “Isto fai que os traballadores/as de taller teñan que soportar xornadas a máis de 30 graos sen que a empresa faga nada para evitar esta terríbel situación”. Neste senso, sinalan que o real decreto 486/97, que regula as condicións ambientais dos lugares de traballo, marca uns parámetros de entre 14 e 25 graos. “Mais nestes pasados días 23 e 24 de maio estivemos a máis de 40”.
Polo tanto, ante a situación de perigo que se viviu neses días para a integridade física do cadro de persoal, reclamáronlle á empresa que activase o protocolo de estrés e se aplicasen as medidas que contempla. “A resposta da empresa é que non se vai aplicar até o 1 de xuño, como se a calor fose un factor determinado polo día e o mes do ano”.
Lembran que con anterioridade xa se rexistrou algún desvanecemento dalgún compañeiro/a, mais sen consecuencias graves, “polo que de momento non temos que lamentarnos de que sucedese unha desgraza fatal entre os empregados/as”.
Diante disto, reclámanlle á empresa a posta en marcha do protocolo de estrés térmico e que tome medidas para paliar os efectos do elevado ruído que se rexistra no interior das instalacións da fábrica.