Persoal de Ganomagoga mobilízase na Xunta en Vigo, onde entregou un contrainforme da CIG para rexeitar o ERE
Numerosos/as traballadores/as do grupo Ganomagoga mobilizáronse hoxe diante da Xunta en Vigo coincidindo coa entrega no rexistro do edificio autonómico dun contrainforme elaborado pola CIG para rexeitar o ERE extintivo presentado pola empresa para todo o persoal. A central sindical non ve xustificadas as causas económicas, técnicas, organizativas e de produción que esgrime a dirección e considera que en todo caso debera optarse por un ERTE.
A concentración tivo lugar de 12:00 a 13:15 horas diante da delegación da Xunta na cidade, onde se despregou unha faixa rexeitando o peche de todas as compañías do grupo e se berraron consignas contra o despedimento dos seus cadros de persoal.
Ao mesmo tempo, dende o comité de empresa de Talleres Ganomagoga, presidido pola CIG, avanzaron que posiblemente o luns producirase a toma de control do grupo por parte do administrador concursal, que manterá unha primeira xuntanza coa representación sindical das distintas compañías.
A de este mediodía foi unha máis das numerosas protestas que ten desenvolvido o persoal nada máis coñecerse a presentación do ERE, como a que tivo lugar días atrás diante do Concello do Porriño [imaxes na galería que acompaña esta información].
Con anterioridade mobilizáronse tamén ás portas dos consistorios de Ponteareas -localidade na que tamén desenvolveron unha manifestación-, Mos e Vigo, onde entregaron escritos reclamando o apoio das corporacións municipais.