Persoal de Gadis e Froiz mobilízase en Sarria contra a abusiva carga de traballo e por condicións dignas

Sarria - 14 Nov 2024

Traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia de Lugo continuaron este xoves coas mobilizacións para exixir unhas condicións laborais e salariais dignas e denunciar a abusiva carga de traballo que teñen que soportar. Nesta ocasión, realizáronse dúas concentracións consecutivas diante dun supermercado Gadis e dun Froiz no Concello de Sarria.

As seccións sindicais da CIG en ambas empresas denuncian que a pesar dos enormes beneficios que Gadis e Froiz obtiveron nestes últimos anos, os salarios das traballadoras e traballadores do sector continúan a empobrecerse "e estamos no vagón de cola con respecto ao resto de provinciais".

Lembran que de principios de 2021 a finais do ano 2023, o IPC dos alimentos e bebidas non alcohólicas medrou en Galiza un 30,6%. Pero mentres as contas de GADISA subían un 64,8% (resultado antes de impostos) e as do Grupo Froiz un 95%, "o peso do gasto de persoal baixaba". Porque os salarios apenas se incrementaron con respecto ao custe da vida, pero ademais, tanto Gadis como Froiz aplican unha política de aforro en contratación que está provocando que o persoal teña que asumir unha sobrecarga de traballo insoportábel.

"Nin Gadis nin Froiz substitúen as baixas, as vacacións, as licencias, os permisos de convenio, etc. E isto obriga ao resto de persoal a ter que realizar todo o traballo. De feito, atopámonos con que moitas seccións das tendas están cunha soa persoa. Se por exemplo unha traballadora ou traballador colle unha baixa porque ten unha operación médica, á persoa que queda xa lle avisan que ten que facer o traballo de dúas", explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña.

Denuncia que "ambas empresas están engordando os seus beneficios a conta de explotar o persoal" e en Lugo aínda conseguen máis beneficios "porque os prezos son os mesmos pero os salarios son máis baixos que noutras provincias". Nesta liña, critica que o comercio de alimentación é un dos sectores de maior responsabilidade na enorme inflación experimentada nos últimos anos e, consecuentemente, do empobrecemento da gran maioría da clase traballadora.

Mellora nas condicións

Con esta campaña de mobilizacións que a CIG está desenvolvendo dende hai meses, tamén se lle reclama a Gadis e Froiz (empresas hexemónicas no sector na provincia de Lugo) que abran unha mesa de negociación de melloras para avanzar na equiparación salarial e reducir a fenda que hai entre os soldos que perciben as traballadoras e traballadores con respecto ao persoal doutras provincias. Esta era unha demanda que a CIG defendeu durante a negociación do convenio provincial do comercio de alimentación, frustrada coa sinatura de UGT e USO.

"En cada reunión coas direccións pomos esta demanda enriba da mesa, pero tanto Gadis como Froiz néganse en redondo a negociar ningunha mellora dos salarios ou das condicións de traballo".  Por iso, xa avanza que as mobilizacións continuarán nos próximos meses.