Persoal de Froiz en Ourense mobilízase contra a baixada de soldos e o incumprimento do rexistro de xornada
Un grupo de persoas traballadoras da cadea de supermercados Froiz de Ourense participou hoxe na concentración convocada pola CIG diante dun establecemento da rúa Concordia para rexeitar a intención da empresa de rebaixar os salarios e para denunciar o incumprimento do rexistro de xornada.
Dende a CIG-Ourense explican que preto de 250 persoas empregadas de Froiz en Ourense poden ver rebaixado o seu salario entre 60 e 120 euros mensuais, xa que a dirección pretende que acepten a retirada do plus de produtividade. Ademais, a empresa está a incumprir a lexislación en materia de rexistro de xornada.
Neste senso, sinalan que todo o persoal de Froiz realiza na actualidade unha xornada laboral superior ás 40 horas semanais, “pero ante a obriga legal de rexistrar a xornada a empresa está intentando que siga a ser de 45 horas, rexistrando unicamente as 40 que establece o convenio”.
Ao mesmo tempo, denuncian que Froiz está a presentarlle ás persoas traballadoras un documento no que “declaran voluntariamente estar de acordo coa retirada do concepto de produtividade que viñan percibindo na nómina mensualmente”. A presentación do documento vai acompañado da “insistente presión” do departamento de recursos humanos para que sexa firmado.
Calendario de protestas
“En caso de negativa chaman a unha testemuña para que asine estar presente na entrega, polo que nos atopamos non só ante un grave incumprimento da lexislación e do convenio, senón tamén dun burdo e soez intento de rebaixar un salario que o persoal xa tiña consolidado, todo ben aderezado con ameazas e presións”.
Diante disto, a CIG está a denunciar na Inspección de Traballo os feitos, e vén de anunciar que acudirá ao xulgado do Social a defender as condicións económicas adquiridas, “ademais de convocar mobilizacións para denunciar publicamente o que acontece”. A primeira das protestas tivo lugar este venres diante do Froiz da rúa Concordia de Ourense ás 11:00 horas, onde despregaron cartaces denunciando que a empresa “Presiona e ameaza”, “Minte” e “Destrúe emprego” e berraron consignas en defensa dos seus dereitos laborais e contra a actitude da dirección.