Persoal de Frigoríficos de Vigo inicia protestas pola intención da empresa de rebaixar o convenio
O cadro de persoal de Frigoríficos de Vigo vén de iniciar mobilizacións contra a intención da empresa de rebaixar o convenio colectivo propio para igualalo co estatal do sector, que contempla unhas condicións laborais de mínimos. No caso de que a dirección continúe sen negociar ningún dos puntos da proposta achegada polo comité, a representación dos traballadores/as proporá unha convocatoria de folga en defensa das condicións laborais.
Un grupo de empregados/as de Frigoríficos de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración ás portas da empresa, que ten unha planta de elaborados e outra de frigoríficos no peirao do Berbés, para reclamar un convenio colectivo digno e denunciar que tras un ano de contactos a empresa continúa sen ter en conta ningún dos puntos que se inclúen na proposta achegada polo comité (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO). De feito, a compañía pretende conxelar a antigüidade e aplicar unha suba salarial do 0,8%, moi por debaixo do IPC.
“De continuar con esta actitude celebraremos unha asemblea de traballadores/as para decidir a convocatoria de folga”, anuncian dende a representación do persoal. Neste senso, denuncian que a intención da empresa é equiparar o convenio propio co estatal, “que fixa unhas condicións laborais de mínimos que non garanten a supervivencia”. Lembran que o que se está a negociar é o convenio correspondente ao ano 2017.
Moi boa situación económica
A convocatoria de folga chegaría despois de que os empregados/as decidisen en asemblea iniciar unha campaña de mobilizacións diarias que comezou este luns con concentracións no exterior das instalacións da empresa de 13:45 a 14:00 horas e que hoxe tivo continuidade ás portas da fábrica, onde os afectados/as despregaron unha faixa reclamando unha solución para o convenio colectivo.
Finalmente sinalan que a compañía de alimentación, que emprega a unhas 70 persoas, atravesa unha situación económica moi boa, como demostra a recente adquisición da nave que a antiga empresa Pez Austral -propiedade de Pescanova- tiña no peirao de Bouzas.