Persoal de enfermería do HULA mobilízase polo seu dereito a gozar dos permisos
Persoal de enfermería do HULA concentrouse este mércores para denunciar a discriminación que padecen, xa que son o único centro de toda a área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte no que se denegan pro sistema os permisos (vacacións, días de libre disposición, para formación etc.). Na protesta, convocada pola CIG-Saúde, reclamouse "outra xestión ou outra dirección" capaz de esgotar todas as alternativas posíbeis para que as traballadoras e traballadores poidan gozar dos seus dereitos.
A CIG-Saúde atribúe esta situación "á nefasta xestión" do persoal de enfermería no HULA e critica que, ademais de constituír un trato discriminatorio e inxustificado por parte da dirección, esta medida afonda na sobrecarga e na falta de descanso que o persoal arrastra dende o inicio da pandemia, ao ter que darlle cobertura a compañeiros e compañeiras que estaban de baixa e por outras moitas eventualidades.
As delegadas e delegados da CIG-Saúde advirten que mesmo hai quendas nas que quedan menos enfermeiras que as que habitualmente están asignadas por carteleira. "Non está a importar nin o esforzo nin o sobreesforzo, nin o traballo ben feito. Dende a dirección non se favorecen outras solucións como poden ser a autocobertura coa correspondente compensación", critican.
Neste senso, a central sinala exixe á dirección que avalíe todas as alternativas posíbeis porque o único que pide o colectivo de enfermería "é un trato igualitario" e que se respecte "o goce dos permisos que lles corresponden por dereito".