Persoal de Enfermería do CHUAC reclama mellores condicións laborais e alerta dos graves descubertos nesta categoría
Un multitudinario grupo de traballadoras e traballadores de Enfermería do CHUAC mobilizáronse este xoves arredor do Hospital da Coruña para reclamar unha mellora nas condicións de traballo e denunciar a grave situación de descubertos que se rexistra nesta categoría tanto na área da Coruña e en Cee. A comisión de centro, que convocou a protesta, denuncia que despois de varias reunións, a Xerencia segue sen achegar unha solución a esta problemática e que o persoal está esgotado.
Explican que dende hai anos, e cada vez de xeito máis evidente, se está aplicando unha "política de contratación de abuso" e que as condicións de traballo "son peores que nunca". De xeito prioritario, ausencias e os permisos das compañeiras cóbrense coas denominadas 'autocoberturas', quendas que o persoal xa contratado fai a maiores nas súas libranzas. Pero esta fórmula de contratación "non respecta o pacto e favorece a precariedade dos contratos que se ofertan, presionando ademais o persoal eventual e fixo a facer quendas sen apenas libranzas".
Así, a mobilidade do persoal dun servizo a outro "é continua e as axendas de traballo están sobresaturadas a meirande parte dos días xa que non cobren a todas as profesionais ausentes". Situacións, todas elas, advirten, que poñen en risco a seguridade das persoas doentes e sobrecargan a profesionais "nunha área sanitaria onde as enfermeiras xa asumen máis doentes que en calquera outra área sanitaria do país".
Porén, ante estas deficiencias, a única resposta da Xerencia "é a pasividade". Na última reunión, solicitada dende a comisión, "e á non se presentaron nin o Xerente nin o director de Enfermaría, negaron dende Recursos Humanos que exista un problema nas coberturas. Mostra clara e evidente de que non teñen plan, nin tampouco capacidade para asumir esta situación". Por iso unha das consignas berradas durante a protesta foi pedir a dimisión da dirección.
Neste senso, a presidenta da comisión, María Formoso (CIG), apunta que ante a fuga de enfermeiras que vive a sanidade pública no país "cabe pensar que ofrecer melloras na estabilidade e nas condicións de traballo podería ser unha solución para fidelizar a estas profesionais. Pero é máis fácil abusar das/os traballadoras/os que elaborar un plan de abordaxe da situación e iniciar unha folla de ruta que resolva a situación na que nos atopamos".
O órgano de representación insiste en que non se pode agardar a que ocorra un erro por falta de persoal ou a sobrecarga deste para tomar as medidas necesarias.