Persoal de ENCE volve á rúa para esixir a reactivación da Mesa para garantir o futuro da fábrica e do emprego
Persoal de ENCE volveu saír á rúa hoxe para demandarlle ao Goberno español a convocatoria inmediata da Mesa de traballo para abordar o traslado da compañía co obxectivo de atopar unha solución que garanta o mantemento do emprego e da actividade industrial. Un grupo de traballadores/as desenvolveu unha concentración diante da Subdelegación en Pontevedra de 11:15 a 12:15 horas convocada polo comité de empresa.
Dende a representación sindical, presidida pola CIG, lembran que o prazo de presentación dos informes sobre as posíbeis ubicacións alternativas da fábrica rematou en abril, polo que instan a reactivar a Mesa de traballo para analizar as distintas opcións en caso de que a vía xudicial non prospere.
A central sindical reclamara xa o ano pasado a elaboración dun calendario para que, sen descanso, as Administracións estatal e galega se puxesen a traballar para buscar a solución que dea continuidade aos empregos e á actividade.
“Xa está ben de incumprimentos polo Goberno español dos compromisos adquiridos. Xa estamos fartos da nula política industrial da Xunta, que só actúa ao ditado dos consellos de administración das empresas, e de ENCE en particular. Xa nos abondan os comportamentos matonís disfrazados de sindicato. O que cómpren son actuacións urxentes e solucións”, denunciara o verán pasado o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen “o peche da fábrica e os despedimentos non poden ser o final”.
Carril explicara que a CIG defende o traslado inmediato de ENCE das actuais instalacións e a construción dunha nova fábrica, como o camiño para garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos en Galiza, e non dubidara en cualificar de “suicida” a negativa de ENCE a asumir a opción. Para avanzar nesta saída, a central demanda de ENCE a aprobación dun calendario de investimentos para levar adiante este traslado, "deixando de ameazar o futuro dos postos de traballo e cesando xa na intimidación permanente ao conxunto do pobo galego".
Advertira tamén que neste conflito xa se ten perdido moito tempo e que “canto máis tardemos en tomar a iniciativa, máis colaboraremos en que o resultado final sexa inxusto para a clase traballadora e para Galiza". Pois, fronte os discursos fatalistas da empresa, cómpre ter presente en todo momento "que os donos de ENCE teñen alternativa -como se di popularmente, sempre teñen 'un plan b'- para seguir operando, para non perder riqueza, sen lle importar as consecuencias na destrución de emprego que poidan provocar”.
Beneficios millonarios
O secretario xeral da CIG chamara a atención sobre os beneficios millonarios xerados por ENCE sen que se teñan reinvestido estes cartos para a posta en marcha do traslado das instalacións actuais, como tampouco se investiu na mellora e na ampliación que permita pechar todo o ciclo produtivo do papel, xerando o triplo do emprego actual e minimizando o dano ambiental e social.
“Na CIG apostamos por inverter a situación actual, garantindo que a nosa riqueza forestal, de igual maneira que reivindicamos para outros recursos (enerxéticos, minerais, leite etc.), se poña ao servizo da creación de emprego digno e dun desenvolvemento industrial sustentábel no noso país”, aseverara Carril.
Ademais, incidira en que a nosa masa forestal, o noso monte, é un sector estratéxico cuxo futuro non pode estar reservado ás decisións que as empresas privadas poidan tomar, polo que resulta imprescindíbel poñer en marcha políticas públicas. “Cómpre un sector público empresarial que actúe de columna vertebral deste sector. E cómpre lembrar que ENCE foi unha empresa pública, inxustificadamente privatizada, e que se ten enriquecido a conta de todas e todos nós”.