Persoal de Correos mobilízase en Pontevedra ao berro de “Máis persoal para o servizo postal”

A CIG denuncia que a non cobertura de vacantes, baixas, vacacións e licenzas aumenta os problemas de saúde derivados da sobrecarga laboral
Pontevedra - 13 Nov 2025

O persoal de Correos e Telégrafos segue en pé de guerra para denunciar as consecuencias que a falta de efectivos provoca na súa saúde, disparando os cadros de estrés e ansiedade entre as persoas traballadoras que teñen que asumir a conseguinte sobrecarga laboral. Un nutrido grupo de empregados/as da compañía pública mobilizáronse hoxe en Pontevedra convocados/as pola CIG para esixir un reforzamento do persoal e o remate destas prácticas abusivas por parte da dirección.

A protesta tivo lugar diante do edificio administrativo de Correos, na rúa da Oliva, 19-21, a partir das 17:30 horas ao berro de “Máis persoa para o servizo postal”, lema co que queren alertar sobre a “insostíbel” falta de persoal nas carteirías e nas oficinas da maior empresa pública do Estado.

Unha situación derivada da non cobertura de vacantes, ausencias por incapacidades temporais, vacacións, permisos ou licenzas, o que se traduce nunha sobrecarga laboral que está a provocar tanto “desmotivación” como cadros de estrés e ansiedade entre o persoal. Ademais dun deterioro progresivo do servizo de reparto e de atención á cidadanía.

Esta problemática é consecuencia directa da política de recortes e de precarización xeneralizada que afecta a todo o servizo postal público. “Mentres Correos continúa aplicando recortes e sobrecargando o persoal, os altos cargos e directivos manteñen salarios elevados e bonus indecentes”, censuran.

En resposta, varias Unidades de Reparto teñen iniciado mobilizacións nos últimos tempos: a de Lalín leva preto de dous anos con protestas, mentres que recentemente sumáronse as de Sanxenxo, Bueu ou O Porriño.

Polo que a CIG insiste en demandar que se poña fin a estas “prácticas abusivas” da dirección de Correos e que se reforcen de maneira urxente os cadros de persoal.