Persoal de Correos mobilízase en Compostela en demanda de máis efectivos para garantir o reparto diario da correspondencia
Anxo Álvarez Amado de CIG-Correos explica que esta problemática arrástrase desde que Correos procedeu a recortar o cadro de persoal de reparto en arredor de 20 persoas nos últimos dous anos “sen que houbera un descenso parello da correspondencia e mesmo producíndose un incremento tanto na paquetería a repartir como no número de novas vivendas ás que lle hai que prestar servizo”, matiza.
Isto está a provocar que a carga de traballo para o persoal sexa cada vez maior ficando cada máis correspondencia sen repartir e contravíndose así as directivas comunitarias e lexislación estatal que obriga ao reparto diario, cinco días á semana a todas as vivendas.
Álvarez Amado sinala que esta mobilización é a continuación doutras que se veñen desenvolvendo nos últimos anos por este mesmo motivo e anuncia que “haberá máis protestas nos vindeiros meses se Correos non escoita as demandas da Xunta de Persoal, do Comité de Empresa e do conxunto de traballadores e traballadoras para que se incremente o cadro de persoal de reparto necesario para garantir un servizo de calidade e que cumpra a lexislación vixente nesta materia”.