
Persoal de conservación de estradas da Xunta en Ourense mobilízase para reclamar melloras

Persoal UTE Conservación Ourense 2021, integrada polas empresas Extraco e Misturas e concesionaria do servizo de conservación de estradas da Xunta en distintas localidades da provincia de Ourense, mobilizouse hoxe diante da sede ourensá da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo do que depende a Rede Autonómica de Estradas de Galiza (RAEGA), para reclamar melloras laborais.

Ao remate da protesta rexistraron un escrito na xefatura territorial da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade informando do conflito laboral aberto ante a negativa da UTE que se encarga do mantemento das estradas autonómicas en Ourense, Celanova, Verín e A Rúa a aceptar as propostas da parte social en material salarial e de condicións de traballo, en especial no que ten que ver co servizo de retén e co plus de dispoñibilidade.
Ao mesmo tempo remitíronlle un burofax á empresa reclamándolle unha serie de documentación, mentres que nos próximos días procederán a solicitarlle unha nova xuntanza. Segundo explican dende a CIG-Construción, as negociacións para tentar mellorar o anterior acordo laboral -asinado en 2021- déronse por rotas tras varias reunións e as persoas traballadoras decidiron en asemblea comezar mobilizacións para denunciar a precariedade que padece o persoal desta UTE, “que conta coas peores condicións laborais de todas as concesións de conservación, tanto no noso país como no conxunto do Estado”.