Persoal de Circet solicítalle á Subdelegada do Goberno na Coruña que actúe na defensa dos empregos

Informaron da fraude que supón o ERE presentado pola contrata de Telefónica
Nacional - 18 Dec 2024

Unha representación do persoal dos centros de traballo de Circet en Galiza, nos que a CIG ten a maioría, mantivo unha reunión na mañá deste mércores coa Subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a quen lle trasladaron a fraude que supón o ERE formulado pola empresa e a quen lle solicitaron que actúe na defensa dos empregos. A representante do Goberno español, á súa vez, comprometeuse a trasladar ao Ministerio de Traballo as demandas do persoal.

Neste senso, a CIG-Industria agarda que a Inspección de Traballo emita un informe negativo sobre o ERE de extinción (que en Galiza suporía o despedimento de 81 persoas, segundo a última proposta da empresa), xa que entenden que non existe ningunha causa nin económica, organizativa ou produtiva que xustifique os despedimentos.

Na xuntanza con Rivas tamén se lle expuxo que o verdadeiro obxectivo de Circet (concesionaria en Galiza do servizo de instalación e mantemento de redes de Movistar-Telefónica e Vodafone) é avanzar aínda máis na precarización laboral do sector e afondar na subcontratación de actividades.

O último día de negociación foi o 4 de decembro e os 15 días de rigor para que a empresa tome decisión de que facer rematan, segundo o cálculo da CIG, mañá xoves. Isto é así porque aínda se está á espera de que Circet convoque a parte social para asinar a acta de peche do período de consultas. Cómpre lembrar que as asembleas do persoal realizadas nos centros de traballo de  Circet en Galiza rexeitaron por ampla maioría a derradeira proposta de ERE.

Neste contexto, os traballadores e traballadoras de Galiza continúan en loita na defensa dos empregos e as condicións laborais e onte secundaron a xornada de folga número 12. A CIG xa advertiu que, de executarse os despedimentos, impugnará o ERE en vía xudicial por ser unha fraude.