Persoal de Circet rexeita o ERE cunha protesta diante dunha tenda de Movistar en Santiago
Persoal e delegados/as da CIG en Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones, concesionaria do servizo de Movistar Telefónica en Galiza, mobilizáronse hoxe para rexeitar o ERE anunciado pola dirección, que suporía o despido de 118 persoas no noso país.
A protesta desenvolveuse ás 11:00 horas diante da tenda de Movistar na rúa República de El Salvador, en Santiago de Compostela, ao berro de “Circet culpábel, Telefónica responsábel’ para denunciar os plans de empresa de aplicar un despido colectivo de 377 traballadores/as no Estado español, 118 delas no noso país, o que supón desfacerse de máis do 30% dos cadros de persoal dos centros de traballo galegos.
Diante disto, a CIG-Industria celebrou asembleas de traballadores/as, que apostaron por levar a cabo a mobilización desta mañá e por convocar dúas xornadas de folga para os días 12 e 14 de novembro en todos os centros de traballo de Circet en Galiza para reclamar o mantemento do emprego e rexeitar o proceso de precarización das condicións laborais no sector.
Dende a central sindical fan fincapé en que hai escasamente tres meses que Circet se fixo cargo do servizo, “sendo consciente a empresa e asumindo o número de persoas traballadoras do servizo en Galiza, un servizo que se encarga de departamentos tan importantes como emerxencias, Sergas e a propia Xunta”.
Na CIG entenden que este “descomunal ataque” ás persoas traballadoras supón un intento de desmantelar os centros de traballo e as súas representacións sindicais, “substituíndo cadros de persoal estábeis por pequenas empresas e falsos/as autónomos/as, sen representación sindical, que xa están campando ás súas anchas no sector, favorecendo así a explotación laboral e aforrando en medidas de seguridade, o que está a provocar xa un aumento dos accidentes mortais no sector”.