Persoal de Cibernos secunda paros parciais para reclamar un plan de incentivos xusto
Traballadoras e traballadores de Cibernos (empresa que presta servizos para R) están secundando este luns unha xornada de paros parciais en rexeitamento ao incremento da carga laboral, as presións comerciais e para reclamarlle á empresa que facilite o plan de incentivos que aplica en cada departamento e que se pague o mesmo por facer igual traballo.
Cristina Enjamio, delegada da CIG, explica que a empresa está nun proceso de reorganización dos distintos departamentos de traballo (retención, información, venda, fidelización e soporte técnico) que leva aparellado un incremento da carga laboral e cambios nas condicións. No caso de retención, dende o mes de marzo, comezaron a retirarlle ao persoal as comisións que percibían "sen dar ningunha explicación", e en setembro, Cibernos comezou a unificación dos departamentos de vendas, fidelización e información.
"Nestes tres departamentos teñen un plan de incentivos que as traballadoras e os traballadores descoñecen por completo, de maneira que non saben o que van cobrar. Solicitámoslle á empresa en reiteradas ocasións que nos facilitara o plan de incentivos de cada departamento, pero a resposta é que non o teñen, polo que nos temos que fiar do que nos pagan nas nóminas ", denuncia Enjamio.
Engade que ao non coñecerse os criterios resulta imposíbel comprobar se a empresa está calculando as contías dos incentivos de maneira correcta.
Neste contexto, a sección sindical da CIG acordou convocar esta primeira xornada de paros de media hora por quenda de traballo e concentracións "para exixir que nos dean xa o plan de incentivos e que en todos os departamentos que se están unificando se cobre o mesmo polo mesmo traballo".
De non haber resposta, a sección sindical valorará co persoal convocar novas mobilizacións nas vindeiras semanas.