Persoal de Caffè Vecchio continúa coas protestas para denunciar a explotación laboral que sofre
Traballadoras e traballadores de Caffè Vecchio continuaron esta tarde co calendario de concentracións acordado para esixir o cobro puntual dos salarios, que se cumpra co establecido no convenio colectivo, que se respecten os dereitos laborais e salariais e o cese dos despedimentos, das sancións arbitrarias, das ameazas e das coaccións por parte da empresa.
Desta volta, o persoal realizou unha concentración e un reparto de follas explicando a situación que se vive nesta empresa, diante do establecemento Vecchio da céntrica Rúa Real, da Coruña, onde deixaron en evidencia os abusos patronais continuados e reclamaron o dereito a ter un emprego en condicións dignas sen ter que aturar atrasos no cobro dos soldos, contratos inferiores á xornada real que se traballa, ameazas, descolgues de convenio, sancións arbitrarias para obrigar a xente a pedir a baixa voluntaria, débedas polas indemnizacións e incluso agresións ao persoal.
Pero a diferenza da concentración realizada a pasada semana na cafetería da Praza de Vigo, esta vez a empresa non pechou as portas (ten os locais abertos para servizo de recollida), antes de iniciarse a protesta.
O persoal reivindica o cese desta situación laboral "insoportábel" e de "explotación continuada" e reclama que se lle dea ao persoal de hostalería, que leva anos soportando condicións miserentas, o mesmo trato e axudas que se están formulando para a patronal do sector. E neste senso, as traballadoras e traballores animan a consumir en establecementos que si respectan os dereitos do seu persoal e que pague os soldos con puntualidade.
Baixas sen abonar e agresións físicas
Dende a CIG-Servizos da Coruña subliñan que as ruindades da empresa chegan até o punto de secuestrar os cartos que lle ingresa a mutua para pagarlle aos traballadores e ás traballadoras que están en situación de baixa, cambiar os horarios se é preciso día a día; e incluso houbo casos de agresión física ao persoal por parte do administrador, polo que se lle abriu proceso penal con sentenza condenatoria.