Persoal de Baliño mobilízase pola readmisión dunha compañeira despedida estando de baixa

Desenvolveu unha concentración diante da Cámara de Comercio en Vigo, xa que esta compañía do sector naval é propiedade do seu presidente
Vigo - 04 Mai 2023

 

 

Un grupo de traballadores/as de Baliño, empresa do grupo naval Emenasa con sede en Vigo, desenvolveu hoxe unha mobilización para reclamar a readmisión dunha compañeira que foi despedida cando se atopaba de baixa. A concentración tivo lugar diante das instalacións da Cámara de Comercio na cidade, xa que o propietario da compañía é tamén presidente do organismo cameral.

 

Na protesta, que tivo lugar na rúa República Arxentina de 11:00 a 12:00 horas, participaron tamén delegados/as sindicais en solidariedade coa afectada. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, reclámanlle ao máximo accionista de Baliño, José García Costas -presidente da Cámara de Comercio-, a readmisión inmediata da traballadora.

Neste senso, lembran que a compañeira padece unha doenza grave que a incapacita na actualidade para facer o seu traballo. “Hai 10 días, cando levaba case tres meses de baixa, chegoulle por burofax a notificación da rescisión de contrato, alegando todo tipo de escusas organizativas que distan moito da realidade laboral da empresa e do traballo que ela desenvolve”, sinal dende a representación sindical.

Por iso demandas a súa readmisión e lle trasladan todo o seu apoio e solidariedade, ao tempo que rexeitan calquera discriminación por motivo de discapacidade.