Persoal de Atento concéntrase na Coruña coincidindo coa xornada de folga contra o ERE encuberto na empresa
No último mes Atento volveu proceder a despedimentos disciplinarios de 5 traballadores e traballadoras do servizo SST-1002 que traballan en quenda de fin de semana, so pretexto de “baixo rendemento”. O comité de empresa denuncia que a quenda de fin de semana estase así a desmantelar sen motivo e co ánimo de que pase o máis desapercibido posible. Por iso este venres o persoal concentrouse na Coruña, coincidindo coa xornada de folga de 24 horas convocada en demanda da readmisión dos compañeiros despedidos. O comité advirte que, con esta situación, haberá máis.
Segundo explica Mónica Carrodeguas, representante da CIG, desde hai tempo, “Atento xoga a facer despedimentos individuais, sen chegar a 30 nun período de 90 días para evitar que sexa considerado un despedimento colectivo”.
Afirma que son prácticas habituais despedir agora nun centro, ao pouco noutro, pero que agora vén de despedir a cinco compañeiras/os da quenda de fin de semana, onde hai máis xente traballando, pero tamén máis carga de traballo.
Denuncia que son despedimentos indebidos, “falsos” que cando chegan ao acto de conciliación a empresa recoñece como improcedentes. “Iso está xerando un enorme estrés nas traballadoras e traballadores desa quenda, non só polos despedimentos que se están producindo, senón tamén pola enorme carga de traballo que teñen que asumir porque ningún destes despedimentos é substituído”.
Tal é así que de 1.400 traballadores e traballadoras que antes tiña Atento, agora os que quedan son menos de 500. Por iso fala de ERE encuberto e por iso o comité iniciou hoxe mobilizacións e convocou esta primeira xornada de folga, advertindo, en todo caso, que, á vista da situación, haberá máis convocatorias.