Persoal de atención á discapacidade, menores e educación infantil 0-3 irá á folga o 6 de novembro para reclamar convenios galegos
A CIG-Ensino, sindicato maioritario nos sectores de protección e reforma de menores, de atención a persoas con discapacidade e nas escolas infantís de primeiro ciclo tanto de xestión directa como indirecta, vén de convocar unha folga para o próximo 6 de novembro á que están chamadas máis das 5.000 persoas que traballan nos máis de 500 centros de traballo dispersos por todo o país. Ese día haberá unha manifestación diante do edificio da Xunta en San Caetano para pedir a mediación directa da Consellaría de Política Social, que ten as competencias destes servizos.
Un servizos que, lamenta a CIG-Ensino, están maioritariamente privatizados: no caso das escolas infantís xestionadas por empresas e nos outros dous sectores fundamentalmente por asociacións sen ánimo de lucro, fundacións e entidades sociais.
“Despois de pedirlle en reiteradas ocasións á conselleira de Política Social que se reunira coa representación sindical e de solicitar formalmente a constitución do marco galego de relacións laborais, o persoal destes tres sectores, que dependen directamente da Consellaría, decidiron iniciar mobilizacións contundentes que irán intensificándose se non hai respostas”, advirten.
A CIG-Ensino lembra que o convenio galego “é a única garantía de mellora real nas condicións laborais e salariais deste persoal”, moito del aínda por debaixo do SMI e sen apenas dereitos laborais por riba dos regulados no Estatuto das persoas traballadoras, pero que realiza un servizo social esencial. A este respecto, a central sindical critica que os convenios estatais “non supoñen ningún avance e o feito de que prevalezan os autonómicos sobre estes obrigaría á Xunta a realizar as subcontratacións dos servizos adaptándose ao acordado neste últimos”.
Manifestación o día 25 en Compostela
Ademais da xornada de folga, está prevista unha manifestación previa o día 25 de outubro polas rúas de Compostela con parada diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Galiza (CEG) para denunciar a precariedade e explotación ás que está sometido o persoal traballador destes tres ámbitos.
Cómpre lembrar que nos tres están en vigor convenios estatais que manteñen conxelados os salarios, moitos deles por debaixo do SMI, e que aínda que leven incluídas novas táboas retributivas estas non se farán efectivas até que se renove a concesión do servizo, isto é, até que a Xunta ou outras administracións volvan sacar a licitación o contrato, convenio ou concerto social.
Situación límite
“A situación é totalmente límite, tanto que unha das patronais de atención a persoas con discapacidade, a Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento de Galicia (AEDIGAL), advertiu do peche de centros se a Xunta non actualiza os concertos”, salientan.
É por isto que a CIG-Ensino convida a todas as entidades e empresas implicadas, así como a outras organizacións sindicais a apoiar estas reivindicacións “para conseguir mellorar entre todos e todas as condicións laborais, sociais e salariais do persoal e a calidade asistencial e formativa dos usuarios e usuarias”.
Principais reivindicacións de cada sector
Sector Discapacidade (arredor de 200 centros e máis de 2.000 persoas traballadoras)
- Aplicación inmediata dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal por parte da administración, que están a asumir agora mesmo asociacións.
- Constituír unha mesa tripartita coa finalidade de dignificar salarios coa creación dun Complemento Salarial Autonómico, así como a negociación colectiva no ámbito autonómico doutras melloras laborais, no camiño de acadar no Consello Galego de Relacións Laborais o “I Convenio Galego de Discapacidade”.
Este é o sector máis avanzado nas negociacións no que se mantiveron xuntanzas no CGRL coas patronais AEDIGAL e INRED
Sector de Menores (arredor duns 80 centros con máis de 1.000 persoas traballadoras)
- A aplicación de forma inmediata, a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
- O recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios.
- A homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
- Abrir a negociación colectiva no CGRL coas patronais AGACEME e GAFIX e acadar o “I Convenio Galego de Menores”.
Sector de infantil 0 a 3 (arredor de 270 centros e máis de 2.000 persoas traballadoras)
- Unificación das táboas salariais, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta para xaneiro de 2026.
- O recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios.
- Creación da patronal ou patronais do sector ao contar só coa asociación AGADEI e con numerosas empresas moi atomizadas.
- Abrir a negociación colectiva no CGRL, previa creación da patronal, e acadar o “I Convenio Galego de Infantil etapa 0-3”.