Persoal de Ambulancias do Atlántico clama na empresa en Mos pola readmisión de cinco compañeiros
Traballadores/as de Ambulancias do Atlántico desenvolveron hoxe unha concentración diante da empresa en Mos para esixir a readmisión dos cinco compañeiros despedidos recentemente sen xustificación a pesar de que a compañía, unha das concesionarias dos servizos de transporte sanitario urxente do 061 e do programado, non conta co persoal suficiente para cubrir as baixas e os descansos.
A protesta convocada polo comité de empresa tivo lugar este mediodía ás portas das instalacións de Ambulancias do Atlántico en Mos, onde se despregaron varias faixas e se berraron consignas denunciando a actitude da dirección e reclamando a readmisión dos despedidos, un deles en Santiago e os outros catro en Vigo.
Para este mércores 23 hai prevista unha nova mobilización, nesta ocasión unha manifestación promovida pola FGAMT-CIG de Compostela que arrincará dende os edificios do Sergas ás 11:00 horas. A marcha pasará pola base de Ambulancias do Atlántico na rúa Rodríguez de Viguri e rematará na sede da UTE coa que a compañía entrou na Área Sanitaria de Santiago, situada en Fontiñas.
Dende a CIG de Compostela denunciaron a semana pasada que o 061 permitiu que Ambulancias do Atlántico deixara o pasado xoves 17 de febreiro inoperativa durante horas unha das ambulancias que presta servizo na Área Sanitaria de Santiago, “xa de por si infradotada de medios de transporte sanitario”.
E iso a pesar de que a empresa fora informada o mércores da baixa médica dun dos seus traballadores/as, “negándose a substituílo, e cando rematou a quenda, o xoves ás 9:00 horas, o traballador que estaba nesa garda, logo de 24 horas de traballo, recibiu instrucións tanto por parte da empresa como do 061 de rematar o servizo”.
Iso provocou que unha das dúas ambulancias de emerxencias da base do 061 de Santiago ficara inoperativa durante horas por falta do persoal do que debía dispor Ambulancias do Atlántico, o que para a CIG constitúe unha grave neglixencia. Precisamente nesta mesma base fora despedido un traballador dous días antes, sen que a empresa aducira motivo algún que o xustificara, e outros catro traballadores correron a mesma sorte en Vigo en días anteriores. Por iso a FGAMT-CIG decidiu un calendario de mobilizacións para esixir a readmisión de todos os afectados e a normalización do servizo.