Persoal de Ambulancias Civera responsabiliza á Xerencia de Pontevedra das deficiencias do servizo
Traballadores e traballadoras de Ambulancias Civera concentráronse esta mañá na porta de acceso a Consultas do Hospital Provincial de Pontevedra para denunciar o deterioro das condicións laborais que sofren desde que hai 17 meses a Xerencia da Área Sanitaria sacou un concurso público deficitario contratando a esta empresa dirixida desde Valencia.
O comité de empresa asegura que este concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con 7 ambulancias menos respecto do anterior concurso. “É o único deficitario”, apunta o comité. “A sabendas disto a Xerencia da EOXI de Pontevedra licitou e contratou á actual concesionaria, influíndo notabelmente na asistencia a doentes, con esperas interminábeis nos seus tratamentos”.
Por iso quixeron deixar claro que, nestes momentos, con toda a carga de traballo que desde a EOXI lle mandan á empresa, os 38 vehículos son totalmente insuficientes.
Afirman que Ambulancias Civera é unha empresas “con falta de ideas, con falta de criterio e con falta de toma de decisións”. Unha empresa, din, “que desde Valencia só viu especular, sen importarlle a calidade da atención as/aos doentes nin a profesionalidade do noso sector”.
Sen ambulancias para traslados
O comité denuncia que levan meses sen cubrir a todos os compañeiros e compañeiras que están de baixa, vacacións, descanso e días de libre disposición e que “non hai día que ambulancias do CHOP para traslados que teñen que estar operativas, non o fan porque non hai técnico/a para estar de quenda, ambulancias paradas, como as UVIs móbiles, tan importantes para a poboación”.
Xunto a isto denuncian que moitos días faltan tres e catro ambulancias, o que inflúe na calidade asistencial e nos tempos de demora das e dos doentes, repercutindo isto no servizo xa que “os demais técnicos temos que absorber o traballo das ambulancias paradas”.
Como exemplo da mala xestión de recursos sinalan que nun servizo de UVI móbil para trasladar ao Hospital Clínico de Santiago, desde o Hospital Provincial, a unha nena que sufriu unha caída, “a nena tivo que agardar pola ambulancia unha hora, cando perigaba a súa vida”. Explican que a coordinación de Valencia mandara o recurso UVI a facer un servizo normal.
Xunto a este, poñen tamén como exemplo que o día da festa da Peregrina, con máis de 100.000 persoas na comarca de Pontevedra, quedaron sen ningunha UVI operativa, xa que non había técnico/a para cubrir esa quenda. “Aquí temos a demostración da mala xestión da empresa desde Valencia, e o pasotismo puro da dirección da EOXI, que mira para outro lado sen tomar medidas ao respecto”.
EOXI responsábel
O comité afirma que a EOXI é sabedora desta situación. “Desde o comité repetímosllo varias veces desde o ano pasado, facéndonos caso omiso, dando boas palabras, pero sen facer nada para solucionar os problemas que repercuten nas e nos doentes en xeral”.
Diante desta situación, o pasado mes de marzo fixeron unha proposta de folga e o día 31 dese mes acadaron un principio de acordo recollido en acta, asinado por ambas as partes, onde se recollían todas as deficiencias na base: uniformidade, taquillas, duchas, prevención de riscos, antigüidade nos contratos e contratación.
Porén, denuncian, “a día de hoxe, despois dun prazo de 6 meses seguimos tendo só unha ducha para 80 traballadores/as; os uniformes que empregamos non son os homologados, porque tiñan que se, por normativa da UE de clase 2 e categoría 2; o dormitorio é mixto para compañeiras e compañeiros, sen salvagardar a intimidade de quen alí dormen; non hai sitio para lavar a louza quen cean alí, o que obriga a lavala nos baños e nin temos taquillas para ter un uniforme limpo e en caso de mancharse un técnico/a ten que ir á súa casa para cambiarse, percorrendo en moitos casos até 40 quilómetros”.
Ademais, aseguran que a empresa non está a respectar as antigüidades dos contratos convertidos en indefinidos o que “en moitos casos supón roubarlles a compañeiros e compañeiras até 3 anos de antigüidade que lles correspondería cobrar”.
Prevención de riscos
En materia de prevención de riscos denunciaron a EOXI o estado das rodas “totalmente nos arames, e non lle importou”. Isto, advirten, “pon en risco a vida tanto de doentes como de técnicos/as e outras persoas que circulan polas vías”. Isto xunto á almacenaxe de EPIs contaminados procedentes de servizos COVID nas ambulancias de substitución, que tamén denunciaron sen que a EOXI se pronunciara.
Por iso conclúen que a EOXI “é a única responsábel de que esta empresa estea a funcionar a día de hoxe nesta Área Sanitaria, demostrando que non lle importan nin as doentes nin as e os profesionais deste sector, que intentamos facer ben o noso traballo”.
Por iso insisten en aclarar que “o que está a ocorrer na área sanitaria, non é culpa dos profesionais senón da propia empresa, por non cumprir o prego de condicións, mais tamén da propia Xerencia da EOXI por consentir que persista esta situación”.