Persoal de Alcoa reclama ante o Parlamento que se force a empresa a aceptar a prórroga de seis semanas
Traballadoras e traballadores de Alcoa concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co arranque da undécima lexislatura, para demandar a mediación política tanto da consellaría, como do ministerio de Industria. Reclaman que ambas as administracións forcen á multinacional a sentar de novo a negociar, aceptar a prórroga de seis semanas proposta polo comité e que non se pechen as cubas, para facilitar a compra da planta de San Cibrao a pleno rendemento.
No decurso da mobilización, que comezou ás dez da mañá e rematou contra as once e media, foron moitas as consignas coreadas, entre outras, “A solución, unha intervención”; “”Ministra Ribera, ao ERE ti primeira”; “As cubas non se paran”; “Fóra ianquis, pandilla de mangantes” ou “Onde está o Estatuto, o Estatuto onde está” (en referencia ao Estatuto de consumidores electrointensivos). Mais tamén se preguntaron a viva voz “Onde está Yolandita, Yolandita onde está”, en referencia á ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
Representantes dos tres grupos parlamentarios achegáronse a falar con membros do comité, aínda que o seu recibimento foi desigual. Mentres Gonzalo Caballero, do PSOE, e os deputados do PP leváronse os apupos das persoas concentradas, as representantes do BNG foron recibidas entre aplausos polas/os presentes.
Ao remate da mobilización, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, urxiu unha solución “que non implique a parada de cubas” e a derrogación da reforma laboral, para que ningunha empresa como Alcoa poida tomar a decisión unilateral dun despedimento colectivo destas características.
Carril tamén exixiu tanto do Ministerio de Industria, como da consellaría que actúen con firmeza fronte a multinacional e defendan a continuidade dunha actividade industrial estratéxica para Galiza como o aluminio.