Persoal de Abanca e veciños/as de Ourense mobilízanse polo peche da oficina da rúa San Rosendo
Persoal de Abanca e veciños/as de Ourense mobilizáronse esta mañá para rexeitar o peche da oficina situada no número 16 da rúa San Rosendo, unha convocatoria lanzada pola sección sindical da CIG co obxectivo de denunciar que Abanca está a pechar sucursais rendíbeis, deixando sen servizo a unha parte da poboación e remitindo a clientela a oficinas xa colapsadas, ademais de poñer en perigo numerosos postos de traballo.
A isto hai que sumar as restricións nos servizos de caixa a partir de xuño anunciados polo banco. No caso da oficina de San Rosendo, a clientela será trasladada á sucursal da Avenida das Caldas, nas que as colas teñen provocado numerosas queixas, e que pechará ao publico ás 11:00 horas a partir de xuño. Durante a mobilización de hoxe berráronse consignas como “Non ao peche” ou “Aquí enchen as sacas, que levan a Caracas”, en referencia á orixe venezolana do presidente de Abanca, ao tempo que se formou un mosaico con letras coa frase “Non ao peche”.
Dende a CIG-Abanca critican que todas estas medidas anunciadas pola dirección do banco, que pretenden forzar a clientela a optar pola banca dixital, provocan a marxinación financeira de persoas con dificultades para operar na banca dixital, ou incluso nos caixeiros, con especial afectación para as persoas maiores.
Destrución de emprego
“Este tipo de peches de centros de traballo rendíbeis, as restricións de servizo e as colas supoñen un problema laboral e anticipan a destrución de novos postos de traballo. Por iso temos realizado outras mobilizacións, como a do 1 de marzo en Celeiro, que contou co apoio da veciñanza que reclama que non peche a oficina”, lembran.
Noutros casos, coma en Nigrán, a propia veciñanza se ten mobilizado contra o peche da oficina decidida polo banco. “Está en xogo que territorios cada vez máis amplos podan quedar sen servizos financeiros e que a marxinación afecte á poboación con menores ingresos ou a que ten maior dificultade para o uso das novas tecnoloxías”.
Todo isto fixo que a CIG convocase a concentración que tivo lugar hoxe e na que se reclamou que se manteña aberta a oficina de San Rosendo, que se amplíen os postos de atención presencial para evitar colas e que non se poñan en marcha maiores restricións de servizo. “Porque dar servizo é a garantía de emprego”, rematan.