Persoal das residencias da terceira idade privadas clama en Vigo por unhas condicións laborais dignas

A CIG-Servizos está a desenvolver protestas nas sete comarcas para reclamar unha mellora do convenio ante a proposta insuficiente da patronal
Vigo - 11 Dec 2024

As persoas traballadoras das residencias da terceira idade privadas continuaron hoxe coa campaña de mobilizacións convocada pola CIG-Servizos nas sete comarcas para reclamar un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais tras a proposta insuficiente achegada pola patronal. Nesta ocasión a protesta tivo lugar diante do centro de DomusVi na rúa Fátima, mentres que o vindeiro mércores 18 trasladarase a Ourense.

Persoal do sector acordou nas asembleas promovidas pola central sindical levar a cabo estas concentracións para denunciar a importante perda de poder adquisitivo (do 7,8%) dende a sinatura do anterior convenio (2020-2023) por parte de CCOO e UGT.

Ao que hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI aplicada polo Goberno central neste período foi do 24,4%, o que provocou que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por enriba en 2024. “Os salarios estanse a empobrecer dun xeito brutal, mentres os beneficios das sete principais empresas do sector ascenderon a 1664 millóns de euros anuais”, detallan dende a CIG-Servizos.

Pois neste contexto a patronal fixo unha proposta de convenio que as persoas traballadoras consideran insuficiente, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos afonda máis nel. “Empeora as condicións económicas do persoal de cara ao futuro e tampouco establece avances suficientes nas condicións sociais”.

Na central sindical censuran que isto esta a acontecer co “silencio cómplice” da Xunta, “á que se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación das persoas traballadoras baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias”. 

Responsábeis da CIG-Servizos e delegadas do sector manterán mañá unha xuntanza co grupo parlamentar do BNG en Santiago

En consecuencia, as asembleas de traballadoras/es expresaron “o seu non rotundo” á proposta do empresariado e a vontade de dicirlle “alto e claro” que “non estamos dispostas/os a seguir recollendo migallas e vivindo na miseria” porque “queremos unhas condicións de traballo dignas acordes a un traballo que é esencial para a sociedade”.

E optaron por iniciar mobilizacións, que até o de agora desenvolvéranse en Pontevedra, Lugo; Ferrol, Santiago e A Coruña. Mentres que hoxe se trasladaron a Vigo ao berro de “Non somos escravas, somos traballadoras” e “Con esta patronal o convenio vai moi mal”, e o mércores 18 farano en Ourense, ás portas da residencia de DomusVi en Barbadás ás 11:45 horas.

Paralelamente, a CIG-Servizos está a desenvolver tamén traballo institucional para lograr unha mellora das condicións laborais do persoal dun sector no que as principais empresas contan con importantes contratos coas administracións públicas. Mañá mesmo delegadas/as da central sindical nas residencias privadas e responsábeis da CIG-Servizos manterán unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG en Santiago para abordar a elaboración dunha pregunta dirixida á Xunta “porque o Goberno galego ten moito que dicir neste conflito”.