Persoal das escolas deportivas municipais concéntranse en Riazor por unhas condicións dignas

A Coruña - 09 Out 2025

Persoal das escolas deportivas municipais da Coruña concentrouse este xoves diante das instalacións deportivas de Riazor, en demanda dunhas condicións de traballo dignas, pola mellora do servizo que se presta ás persoas usuarias e a elaboración xa dos novos pregos.

A asemblea de traballadoras e traballadores acordou iniciar mobilizacións ante o incumprimento do Goberno da Coruña do seu compromiso de abordar as condicións do novo contrato e poder avanzar na dignificación das condicións laborais e salariais, na redución da parcialidade e rematar coas discriminacións que se dan entre persoal que realiza o mesmo traballo.

A actual concesión (adxudicada a Serviplus SL) remata no mes de novembro, pero a pesar das reiteradas peticións por parte da representación social para sentar negociar, a día de hoxe “seguimos esperando unha contestación a nosa táboa reivindicativa e ás demandas para a mellora do servizo, o que provoca incerteza e intranquilidade no colectivo”.

Diante deste desleixo, o persoal continuará coas mobilizacións o próximo 23 de outubro cunha concentración ás 13:00 horas, diante do Pazo de María Pita. Ademais, os traballadores e traballadoras están realizando un labor de concienciación e recollida de apoios entre as persoas usuarias e non descartan ir á folga se o Concello segue sen escoitar as súas xustas demandas.

Hai que salientar que nestas instalacións traballan máis de 40 persoas, das que o 40% ten contrato a tempo parcial. Esta parcialidade afonda na precariedade laboral, tendo en conta que o convenio de aplicación ten salarios na liña do SMI e limítase a recoller a normativa básica e obrigada do Estatuto das persoas traballadoras.

Ademais, existen diferenzas entre o persoal da mesma categoría, xa que hai traballadores e traballadoras que non contan coas melloras laborais e económicas que si teñen compañeiros/as procedentes de subrogacións previas, acadadas en pregos anteriores, e que xa se atopan desfasadas e sobrepasadas nalgúns casos.

Porén, malia a proximidade do remate do contrato, nada se sabe do estado dos novos pregos de condicións nin a concellaría abriu unha interlocución coa representación do persoal para tratar as melloras laborais e salariais pendentes, nin as necesidades do propio servizo.