
Persoal das contratas municipais de Compostela mobilízase en demanda de melloras salariais e laborais

Traballadoras e traballadores de Serveo (encargada da conserxería e a limpeza dos colexios públicos de Compostela) e Limpiezas Germania (que presta servizos na estación intermodal a través da empresa municipal Tussa) concentráronse este mércores na Praza do Obradoiro para reclamar melloras salariais e laborais e rematar coa discriminación retributiva que sofren.

Con esta protesta, quérese denunciar a persistente desigualdade salarial e de condicións laborais entre o persoal das contratas privadas e do propio do Concello, que se vén arrastrando dende hai anos. A concentración forma parte do calendario de accións que as traballadoras e traballadores destes servizos están a realizar e no marco das que xa está convocada folga indefinida a partir do 8 de setembro, se o Concello de Santiago non avanza na equiparación de condicións.
A este respecto, Paulo Rubido, da Executiva Confederal da CIG, explica que noutros servizos subcontratados xa se acadaron acordos para mellorar as retribucións, o pagamento do 100% das prestacións por incapacidade temporal (IT) e aumentar os días de asuntos propios. Porén ao persoal dos colexios e da estación de autobuses segue sen aplicárselle ningunha mellora nas súas condicións.

No caso concreto de Serveo, ademais, a representación do persoal denuncia que desde a privatización do servizo en 2008, “as funcións dos antigos conserxes autónomos trasladáronse ao persoal actual, pero con categorías distintas (oficiais de segunda e ordenanzas), o que implica salarios diferentes para as mesmas tarefas”. Neste servizo os pregos están sen actualizar dende hai máis de sete anos.
A CIG leva anos negociando cos diferentes Gobernos municipais para rachar con esta desigualdade retributiva sen que até agora se produciran avances. Por iso, xa está anunciada a folga coincidindo co inicio do curso escolar.