Persoal das contratas de Inditex mobilízase contra a precarización das condicións laborais
Aproveitándose do contexto de crise derivada da pandemia de Covid-19, o grupo Inditex continúa coa súa ofensiva para recortar os dereitos laborais e salariais que os traballadores e as traballadoras das súas contratas conquistaron tras anos de loitas sindicais. Desta volta, a agresión patronal diríxese ao persoal da empresa que realiza o mantemento eléctrico das instalacións de Inditex no Polígono de Sabón, SARPEL, que leva moitos anos prestando este servizo e que debería formar parte do cadro de persoal da principal.
Inditex deu orde a SARPEL de que rotara a este persoal por outros servizos da empresa, co único obxectivo de que non consoliden dereitos, non poidan reclamar melloras laborais e salariais e aforrar cartos deste xeito. Así, dun día para outro, SARPEL comunicou a 5 traballadores que lles baixaba o soldo en 400€ (que perciben en concepto de dietas pero que están incluídas na nómina) e o traslado, ademais, dun destes operarios a Asturias e o desprazamento doutro compañeiro. E todo isto sen abrir sequera a negociación para unha modificación substancial das condicións laborais, como sería preceptivo.
Cando o traballador rexeitou ir a Asturias por motivos de conciliación familiar, a resposta de SARPEL foi despedilo de maneira fulminante e cun claro carácter exemplificador para o resto do persoal, tanto desta auxiliar como do conxunto de empresas que traballan para Inditex.
O obxectivo, precarizar o emprego
Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, apunta que non estamos ante un proceso de redución de persoal nin de baixada da carga de traballo, xa que SARPEL meteu ao instante a dúas persoas para ocupar o lugar do traballador despedido e do desprazado, pero afondando na precarización destes postos xa que non os contratou directamente, senón que están por unha subcontrata de SARPEL.
A este respecto, e co precedente do acontecido en Vero Juncal ou Top Wash, Pérez destaca o medo que existe entre os traballadores e traballadoras a que este tipo de prácticas se estenda ao resto de contratas, e así se evidencia nas máis de 250 sinaturas solidarias que o persoal de SARPEL recolleu entre os compañeiros/as desta empresa e doutras auxiliares.
Sobre a responsabilidade de Inditex, Roberto Pérez critica a actitude ruín da multinacional que se desentende totalmente, alegando que se trata dun conflito entre SARPEL e o seu persoal. Mentres que SARPEL argumenta que só cumpre as ordes de Inditex.
Mobilización diante da sede de Inditex
En resposta a esta agresión, a CIG realizou unha concentración este venres diante da sede de Inditex no Polígono de Sabón en demanda da readmisión do compañeiro despedido e para que Inditex e as contratas respecten os dereitos laborais e salariais que tanto lles custou conquistar a estes traballadores e traballadoras.