Persoal das contratas de Endesa esixe a creación inmediata da mesa da industria auxiliar
Unha representación da coordinadora dos traballadores e das traballadoras das auxiliares de Endesa trasladouse esta mañá até a Coruña para concentrarse diante da Delegación do Goberno para reivindicar a constitución da mesa da industria auxiliar, para tratar a problemática específica desta colectivo, dentro do marco da mesa de transición creada para As Pontes, e buscar garantías de emprego e definir o número de persoas afectadas ante un posíbel peche total ou parcial da central térmica.
Ao remate da protesta, na que tamén participaron membros da Executiva da CIG-Industria, representantes da coordinadora de auxiliares achegáronse até a Subdelegación do Goberno onde mantiveron un encontro coa responsábel da institución na Coruña para abordar a falta de resposta a esta reivindicación, tendo en conta que hai xa varias semanas que solicitaron a constitución desta submesa -do mesmo xeito que se anunciou unha similar para o colectivo de transportistas-, e que están a piques de rematar as probas con biocombustíbeis na central.
O representante da CIG-Industria, Alberte Amado, subliñaba que o primeiro obxectivo desa submesa debera ser definir o número de traballadores/as afectados/as dentro da industria auxiliar "xa que os números non coinciden co que traslada Endesa na propia mesa". Neste senso, puxo a atención sobre o que acontece noutros territorios tamén afectados por procesos de descarbonización, "nos que vemos como pechan as centrais e este proceso de transición non está a ser xusta para o persoal".
Na procura de "adiantarnos a esta previsión", a coordinadora reclama determinar no inmediato a afectación real e concretar as garantías de emprego nas auxiliares. "Non podemos entrar nun proceso no que, a partir de que se realicen as probas cos biocombustíbeis (que o prazo de garantía de emprego que ofrece Endesa), poida haber despedimentos e cheguemos a un posíbel peche total ou parcial da central en función do resultado das probas, xa con compañeiros/as no desemprego".
Sobre as probas con combustíbeis alternativos, sinalou que "todo apunta, de inicio, que son favorábeis e poden abrir un camiño a explorar e traballar, mellorando o proceso para que sexa sostíbel a nivel técnico e ambiental e competitivo para poder entrar en rede".
Pero Amado reitera que a transición enerxética, para ser xusta, "ten que ser garantindo o emprego e un proxecto industrial e de futuro para a localidade que xere economía e postos de traballo nas Pontes e na comarca".