Persoal das auxiliares ocupa as oficinas de Endesa e logra o compromiso da empresa de non recortar traballo até finais de ano
Representantes sindicais e traballadores/as das auxiliares da central das Pontes ocuparon hoxe as oficinas que Endesa ten en Matogrande (A Coruña) para reclamar compromisos de emprego nas auxiliares e garantías de que non se van producir despedimentos nas contratas no proceso de transformación das instalacións. A medida de presión iniciouse sobre ás 12 da mañá e levantouse pasadas ás 16:00 horas, logo de que a dirección trasladara un compromiso de non redución de traballo até final de ano.
Con esta medida de presión, na que participaron unhas 20 persoas, reclamábase unha xuntanza co director territorial da zona noroeste de Endesa, Miguel Temboury, a quen lle trasladaron as demandas sociais e a quen lle pediron un compromiso similar ao que a eléctrica ten manifestado co seu persoal propio tras a parada produtiva e o anuncio o peche definitivo da central. "Deste compromiso non se pode discriminar ao persoal da auxiliares, xa que todos e todas traballan nas mesmas instalacións e fan posíbel a súa actividade", valoraba Alberte Amado da CIG-Industria de Ferrol, durante a rolda de prensa que se ofreceu tras finalizar a acción de protesta.
Neste senso, os traballadores reclamáronlle a Temboury compromisos firmes, polo que o director territorial se puxo en contacto coa dirección de Endesa en Madrid. Tras varias horas de agarda, a empresa trasladaba a primeira hora da tarde garantía de manter até final de ano o mesmo nivel de traballo que había até agora na central, "co que de inicio se manterían os postos de traballo. Entendemos que este é un paso positivo ante a falta de garantías de continuidade dos empregos que tiñamos xa a partir da próxima semana".
O representante sindical subliñou que aínda que esta "non é a solución definitiva, dános unha marxe a que se produza a seguinte reunión co Ministerio para seguir incidindo e forzando para que neste proceso de transición, ben sexa de cambio produtivo na central ou de calquera outra alternativa que poida haber de futuro, se garantan os empregos tanto na principal como nas auxiliares".
O mércores, folga xeral nas Pontes
A protesta realízase en vésperas da xornada de folga xeral convocada nas Pontes para o mércores 16 de outubro, que se agarda sexa masiva en todos os sectores, e no marco da cal está prevista unha concentración en Madrid diante do Congreso dos Deputados e Deputadas, ás 16:00 horas. Alén das persoas que se despracen pola súa conta e do colectivo de transportistas, que irá nos seus camións, o traslado a Madrid realizarase en autobuses que sairán da estación das Pontes ás 09:00 horas do mércores.
Amado resaltou que a estas horas "a perspectiva é que vai haber un paro xeneralizado nas Pontes, coa hostalería, o comercio e os polígonos paralizados, polo que esperamos unha gran mobilización en Madrid. Onte había anotados dez autobuses e supomos que o número aínda se incrementará neste tempo que queda".