Persoal das auxiliares de Endesa inicia unha acampada para esixir solucións laborais e alternativas industriais
Traballadores/as das auxiliares de Endesa iniciaron na tarde deste martes unha acampada indefinida diante do Concello das Pontes en demanda dunha transición enerxética xusta e pola falta de solucións á continuidade dos empregos e de alternativas de reindustrialización. Con esta medida, queren denunciar a "absoluta indiferenza" dos gobernos ante a grave situación laboral e a ausencia de alternativas que xeren postos de traballo no curto prazo.
A coordinadora de auxiliares (CIG, UGT e CCOO) decidiron iniciar esta acción de protesta, que ten carácter indefinido, dada grave situación laboral que están a vivir os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares de Endesa para quen, malia o atraso na tramitación do expediente administrativo de peche da central, a eléctrica non estendeu o compromiso de garantías de emprego, que rematou o pasado 30 de xuño.
Por iso, con esta nova mobilización, quérese demadnar unha transición enerxética que sexa realmente xusta para o que, de maneira ineludíbel, debe carrexar solucións de emprego para o persoal das auxiliares e o colectivo de transportistas e proxectos industriais concretos que se poidan materializar no curto prazo.
Indiferenza das administracións
As centrais denuncian a absoluta indiferenza dos gobernos e a ausencia de políticas públicas para dirixir este proceso de reconversión e que a transición non supoña "unha demolición", pois "ao longo destes meses de reivindicacións e protestas non artellaron ningunha solución máis aló de palabras baleiras".
A acampada, que comezou este martes ás 17:00 diante da Casa do Concello das Pontes, manterase "até obter solucións a este gravísimo conflito laboral que deixa sen opcións de futuro a toda unha vila" e para demandar de Endesa, da Xunta de Galiza e do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico propostas concretas en firme con prazos definidos.