Persoal da Tesourería da Seguridade Social da Coruña inicia mobilizacións contra o peche de dúas oficinas
Traballadores e traballadoras da Seguridade Social na cidade da Coruña iniciaron mobilizacións este martes en rexeitamento á decisión deste organismo de pechar dúas oficinas de atención á cidadanía, que pasarían a estar integradas no edificio da dirección provincial, rachando así co principio de proximidade e inmediatez. Para a representación social estamos diante dun paso máis na política de desmantelamento dos servizos públicos.
Na protesta, convocada pola xunta de persoal da Administración Xeral do Estado e o comité de empresa, explicouse que a xestión que agora se realizan nas oficinas situadas nas rúas Rafael Alberti e Ronda de Nelle derivaranse a finais de ano ao edificio da dirección provincial da TGSS, na Praza de Vigo. Porén, unha parte do persoal afectado polos peches, será trasladado de xeito provisorio a outra oficina, na que se van investir preto de 140.000 euros na súa remodelación.
Para Elisa Rodríguez (CIG), presidenta da xunta de persoal, carece de sentido mover dun lado para outro os traballadores e traballadoras, "que ao final rematarán na administración da dirección provincial", ou realizar semellante investimento nunhas oficinas que non son definitivas. Máis aínda, subliñou, cando as dúas oficinas que se pretenden pechar son propiedade da Tesourería "polo que os únicos gastos que teñen son os de mantemento (luz, auga, etc.)".
Servizo a máis de 300.000 persoas
Porén, para a representante sindical o mías grave é que esta decisión da Seguridade Social racha co principio de proximidade e inmediatez na prestación do servizo á cidadanía, polo cal foron creadas estas oficinas. "Estas dependencias atenden a máis de 300.000 persoas, das que 120.000 son traballadoras afiliadas e de alta no sistema da Seguridade Social, e prestan servizo a 10.000 empresas".
A supresión e traslado suporá que os servizos estean concentrados no centro da cidade. "Entendemos que a situación actual destas dúas oficinas é idónea, pola súa proximidade cos cidadáns e cidadás que teñen que atender" e pola súa boa localización -tanto coas vías de entrada e saída da Coruña, como pola proximidade a outras administracións-, tendo en conta que ademais ofrecen servizo a 19 concellos da provincia que abarcan dende Monfero a Vilasantar.
"Non entendemos a lóxica desta decisión", aseverou Elisa Rodríguez. "A escusa que sempre poñen é a expansión da administración telemática, pero nós queremos que a administración siga sendo presencial, porque hai moitos trámites que a cidadanía quere seguir facendo aquí, na oficina, e teñen todo o dereito", asevera.
Privatizar servizos e amortizar empregos
Para Rodríguez, o que vai provocar na práctica o peche, traslado e integración destas dúas oficinas "é que moitos cidadáns e cidadás acaben recorrendo a xestorías e pagando para que lle fagan uns trámites que se realizan de xeito gratuíto na TGSS". Dende os órganos de representación denúnciase que este proxecto ten como único obxectivo avanzar na política de desmantelamento dos servizos de atención presencial, privatizando unha boa parte dos mesmos, pechando oficinas e amortizando postos de traballo.
Neste senso, salientaron que do total de 396 efectivos cos que contaba a dirección provincial da TGSS na Coruña en decembro de 2011, na actualidade quedan 326. É dicir, nestes anos perdéronse 70 empregos.
Así as cousas, a xunta de persoal e o comité xa advertiron que continuarán adiante coas mobilizacións que sexan necesarias para reverter as pretensión da TGSS.