Persoal da seguridade privada mobilízase en Compostela por unhas condicións dignas
Persoal da seguridade privada mobilizouse hoxe en Santiago de Compostela convocado pola CIG para reclamar unhas condicións laborais dignas tras a proposta de convenio estatal pactada entre a patronal e os sindicatos CCOO, UGT e USO. A central sindical insiste en que a vía de negociación estatal está esgotada e demanda un convenio galego que atenda as necesidades reais do sector no noso país.
Dende a CIG-Servizos explican que tras a última xuntanza da mesa negociadora decidiron non asinar un convenio que no canto de servir para dignificar o sector vai perpetuar a precariedade laboral durante catro anos máis ao non contemplar melloras e avances reais. En consecuencia, a central sindical fixo un chamamento a participar na manifestación que esta mañá percorreu as principais rúas da capital de Galiza dende a Alameda até a Praza do Toural.
“Este acordo é unha nova traizón dos sindicatos estais, que aceptan unha proposta insuficiente e desequilibrada que non responde ás necesidades reais do sector nin garante unhas condicións laborais dignas”. Ao contrario, consolida a perda de dereitos e de poder adquisitivo e afonda na precariedade, obrigando as persoas traballadoras a asumir novas funcións sen unha contraprestación xusta.
De feito, os incrementos salariais, cunha media do 4 % anual, son “claramente insuficientes”. Ademais, trátase dunha suba diferida no tempo, concentrada no último ano, prolongando o empobrecemento das persoas traballadoras. E tampouco se atende a reivindicación dun incremento substancial dos pluses de festividade e nocturnidade, manténdose a “miserenta” remuneración de pouco máis de 1 euro/hora. A cláusula de garantía salarial é “insuficiente” e limita a revisión do IPC a un máximo do 2 %, e non terá efectos até 2031, “polo que consolida a perda salarial”.
O acordo tamén condiciona dereitos de futuras reformas legais, atrasando unha eventual redución da xornada e utilizando o convenio como freo a avances normativos. A CIG defende unha xornada inmediata de 35 horas semanais, con calendarios anuais entregados en prazo e cobertura total dos servizos estables. As medidas de conciliación son limitadas e quedan sometidas á organización empresarial, sen garantías reais. O incremento diferido das fins de semana non supón unha mellora efectiva para a maioría dos cadros de persoal.
Convenio galego de sector
Ao mesmo tempo, dende a central censuran que as propostas aceptadas limítanse a reproducir dereitos xa recoñecidos legalmente, sen avances reais, mentres que cuestións estratéxicas como coeficientes redutores, clasificación profesional quedan adiadas a comisións sen garantías. Por outro lado, a xubilación parcial é “inxusta” e queda condicionada ó absentismo como elemento penalizador, “cando este é consecuencia do avellentamento, da carga de traballo e da ausencia de medidas preventivas, o que evidencia unha falta total de vontade para afrontar os problemas estruturais do sector e apostar polo relevo xeracional”.
A CIG lamenta que unha vez máis os sindicatos estatais “vendesen os nosos dereitos” con acordos “miserentos” que o único que fan é perpetuar a precariedade, “perdéndose unha oportunidade única para acadar melloras para as persoas traballadoras do sector, facéndoo atractivo para a incorporación de novo persoal”. Polo que considera que a vía estatal está esgotada” e que única “saída real” pasa pola negociación dun convenio galego, adaptado á realidade do sector e ás demandas das persoas traballadoras.