Persoal da seguridade privada mobilizarase o xoves 29 en Santiago por unhas condicións dignas
A asemblea nacional de persoas delegadas da CIG no sector da seguridade privada que tivo lugar o xoves pasado en Santiago acordou rexeitar a última proposta de convenio colectivo estatal por considerala “totalmente insuficiente” e non responder ás “necesidades reais” das persoas traballadoras para dignificar as súas condicións laborais. No encontro tamén se decidiu convocar unha manifestación na capital de Galiza o vindeiro xoves 29 dende a Alameda ás 11:00 horas.
Na próxima xuntanza da mesa negociadora prevista para o 27 en xaneiro en Madrid a central sindical reiterará a súa oposición a un convenio que non recupera a perda de poder adquisitivo nin responde á necesidade de incrementar de forma substancial os pluses de festividade e nocturnidade e de equiparar o de perigosidade.
Neste senso, Pedro Pérez, secretario de Organización da CIG-Servizos, lamenta ademais a renuncia dos sindicatos estatais a unha redución de xornada pola que a central si aposta, e que pasaría por establecer as 35 horas semanais de traballo. Así como permitir a libranza de como mínimo dúas fins de semana ao mes para facer posíbel a conciliación da vida familiar e laboral.
Ao mesmo tempo, a CIG volverá manifestar a súa oposición á proposta de xubilación parcial vinculada á porcentaxe de absentismo ao entender que isto castiga as persoas traballadoras que padecen incapacidades temporais ou enfermidades “como consecuencia dunha longa vida laboral e de situación extremas, tanto psicolóxicas como físicas”.
Diante disto, a asemblea de persoas delegadas apostou por continuar coas mobilizacións na rúa en demanda dun convenio galego de sector que dea resposta ás necesidades reais do persoal, anunciando unha manifestación o 29 de xaneiro ás 11:00 horas dende a Alameda de Santiago até a Praza do Toural.