Persoal de Servicios Concellos Galegos, concesionaria da recollida do lixo e xestión do punto limpo do Porriño, mobilizouse hoxe diante do Concello para reclamar a negociación dun convenio que dignifique as condición laborais. A protesta foi parte da campaña de mobilizacións e xornadas de folga convocadas para os días 9, 10, 11 e 12 de xullo e chega despois da xuntanza mantida onte pola tarde co alcalde para abordar a problemática laboral que padecen as persoas traballadoras da empresa.
A pretensión da parte social é que se negocie un convenio digno e que este se incorpore aos pregos de condicións do servizo para que as compañías que se presenten ao concurso de adxudicación coñezan de antemán as condicións laborais que teñen que garantir. O rexedor confirmou que xa teñen elaborados os pregos para adxudicar novamente o servizo, e dende a CIG insistiron na necesidade de negociar antes o convenio coa actual empresa para que as melloras se poidan recoller nos pregos e se blinden deste xeito os dereitos laborais.
Mais tras varias xuntanzas coa dirección da empresa, esta escúsase en que o Concello non ten actualizados os prezos do servizo e no “desorbitado” incremento da cota de Sogama -que a compañía ten que asumir, tal e como figura no prego de condicións do concurso de adxudicación- para negarse a aceptar as propostas de melloras laborais achegadas dende a parte social.
En concreto, as principais diferencias teñen que ver coa suba salarial, co descanso semanal e entre xornadas, coa compensación de festivos, co exceso de xornada e coa sobrecarga de traballo que padece o cadro de persoal, integrado por 15 persoas.