Persoal da limpeza protesta no centro de saúde de Narón pola sobrecarga e os ritmos insoportábeis de traballo
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza dos centros de saúde, PAC e consultorios da área sanitaria da Ferrol concentráronse este luns diante do centro de saúde de Narón para protestar pola insostíbel situación laboral que padecen, debido a que as horas requiridas pola Xerencia resultan insuficientes para poder realizar o traballo en condicións dignas.
Con esta protesta, convocada pola CIG-Servizos, quérese esixir solucións á Xerencia de Xestión Integrada e á empresa concesionaria, Lacera, xa que a sobrecarga e os ritmos frenéticos nos que teñen que desenvolver o traballo provoca que o persoal sufra continuas baixas médicas por trastornos músculo-esqueléticos, "ademais de supoñer unha carga mental notábel o feito de saber que non tes tempo suficiente para facer o teu traballo día tras día, sen solución de ningún tipo por parte dos responsables principais neste conflito".
164 horas semanais para máis de 4.000m2
A federación de Servizos xa advertira que a Xerencia de Xestión Integrada estaba adscribindo horas insuficientes de limpeza no novo centro de saúde de Narón, requirindo nun principio tan só 98 horas semanais para un edificio que ten 4.312 metros cadrados de superficie a limpar. Aínda que posteriormente se ampliaron até ás 164, as horas requiridas seguen a ser insuficientes para poder realizar o traballo en condicións dignas. "Estamos ante un caso de explotación manifesto no que se esixe ao persoal de limpeza moito máis do que pode abarcar", denuncia Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol.
Esta situación, engade, non é nova posto que xa vén ocorrendo en diversos centros de traballo da Área Sanitaria, como pode ser o caso dos centros de saúde de Caranza, Fene ou o Fontenla Maristany.
A adxudicataria desenténdese da situación
Pola súa banda, a empresa adxudicataria, Lacera Servicios y Mantenimiento, tampouco achega solucións, pois xa comunicou que non contempla como viábeis as opcións que podería ter para paliar en certa medida a problemática (como a posta a disposición de máquinas limpadoras que axilizasen o traballo) porque se atopa fóra do período contratado "e non pensa investir máis na prestación do servizo".