Persoal da limpeza hospitalaria de Pontevedra maniféstase pola readmisión dunha compañeira
Traballadoras/es da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra percorreron onte en manifestación as principais rúas do centro da cidade para reclamar a readmisión dunha compañeira despedida por Acciona, a empresa concesionaria, coa escusa de “baixo rendemento” tras regresar dunha baixa médica de longa duración. Ademais de rexeitar a decisión, coa protesta queren poñer o foco tamén no deterioro que está a experimentar o servizo nos últimos tempos por falta de persoal.
Durante a marcha, na que participaron arredor dun cento de persoas, berráronse consignas como “Acciona despide, Sergas consinte”, “Limpeza hospitalaria solución”, “Sergas, escoita, estamos en loita” e "Acciona culpable, Sergas responsable". Esta mobilización fai parte da compaña de protestas que as empregadas/os de Acciona están a desenvolver contra o despido da compañeira e para alertar do progresivo deterioro do servizo de limpeza.
Até o de agora desenvolveron concentracións os martes e xoves durante dúas semanas consecutivas de xeito simultáneo diante dos hospitais Provincial e Montecelo, mais na última asemblea decidiron celebrar a manifestación. Nos vindeiros días acordarán novas medidas de presión se a empresa non dá marcha atrás na súa decisión, sen descartar a posibilidade de convocar folga.
Dende a representación sindical, con presenza da CIG, CCOO e UGT, consideran que con esta rescisión de contrato Acciona pretende amedrentar os traballadores/as para evitar na medida do posíbel que collan baixas e lembran que a empregada despedida non tivo sequera un apercibimento por parte da dirección.
Falta de persoal
Por iso sospeitan que con esta decisión a empresa aproveita tamén para aforrar custes salariais mediante a amortización da súa praza, tendo en conta que no prego de condicións do servizo non figura o persoal mínimo que hai que ter para levar a cabo a limpeza. “Ademais, a traballadora ten unha antigüidade de cinco anos, polo que lles sae barato despedila”. Neste mesmo sentido vai tamén o feito de que Acciona non estea a cubrir as xubilacións, o que deixa o servizo nun estado “crítico” por falta de persoal.
Finalmente, censuran que a concesionaria non tivese respondido a súa solicitude de xuntanza para abordar o despido, ao tempo que reclaman a intervención do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés no conflito.