Persoal da limpeza do Hospital da Coruña mobilízase para esixir a Lacera o pago dos atrasos
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza do Hospital da Coruña concentráronse esta mañá para esixir á empresa concesionaria, Lacera, que abone de inmediato os atrasos salariais que ten pendentes de pagar. O persoal denuncia que no ano 2016 xa tivo que recorrer á vía xudicial para que poder percibir os incrementos aos que ten dereito e urxe á compañía a abonar as contías de inmediato, xa que está a piques de rematar o contrato.
A delegada da CIG, María Jesús Gómez, explica nestes últimos anos o SERGAS aplicou uns incrementos salariais ao seu persoal que tamén lle son de aplicación ás traballadoras e traballadores da limpeza, ao teren recoñecida a equiparación salarial. Porén, en 2016 "xa tivemos que denunciar a Lacera porque non quería pagar a subida dese ano, a sentenza deunos a razón e, aínda que lle custou, ao final a empresa acabou pagando, ao igual que fixo coa suba correspondente ao no 2017".
Pero os problemas volveron en 2018, cando a empresa optou por abonar só unha parte dos incrementos dese ano (1.25% e 0.5%). Aínda que o montante das contías non é elevado e varía en función da antigüidade de cada empregada/o, Gómez subliña que son incrementos que están publicados no DOG e que teñen que percibir por convenio. "En calquera caso, os cartos son nosos, non da empresa, e non imos permitir que marchen cos eles, sexan 15, 20 ou 5 euros", asevera.
"Mala fe" da empresa
A delegada salientou que dende o momento en que accedeu á contrata, Lacera "puxo moitas trabas á hora de comunicarse tanto co comité como coas centrais sindicais, actuando sempre con moi mala fe, dando largas e mesmo pasando de acudir á reunión da comisión mixta paritaria que tivemos o 4 de decembro". A actitude da empresa chegou ao punto de que "mentiu descaradamente no AGA ao asegurar que pagara unhas cantidades que non pagara".
Lacera, continúa Gómez, si acudiu á última reunión da comisión mixta do pasado 13 de febreiro, na cal se comprometeu a ingresar as contías dos atrasos pendentes, pero á realidade é que só pagou unha parte. "A empresa xoga con que son cantidades pequenas e que por esta razón as traballadoras e traballadores desistan de reclamalas, posto que terían que acudir ao xulgado do social e agardar cando menos un ano".
O persoal urxe a empresa á facer efectivo o pago dos atrasos, tendo en conta que Lacera abandonará o servizo o 30 de xuño, tras rexeitar coller a prórroga porque, alega, o concurso non lle dá para cubrir os gastos. A respecto das condicións dos pregos do novo contrato, a representante do persoal puxo o acento no feito de que é a primeira vez dende o SERGAS externalizou o servizo que só se presenta unha empresa a este concurso público. "Esa empresa é Acciona e, matiza Gómez, se non renuncia, entraría no servizo o 1 de xullo. Por iso, a mes e medio da súa saída, non podemos permitir que Lacera se vaia cos nosos cartos".
Dende a representación social van solicitar unha xuntanza coa Xerencia para esixirlle que interveña neste conflito e obrigue a empresa a pagar os atrasos sen máis demoras.