A práctica totalidade do cadro de persoas de Serveo, concesionaria do servizo de limpeza dos colexios e instalacións deportivos do Concello de Pontevedra, participou hoxe na primeira das mobilizacións convocadas pola CIG para esixir a readmisión das catro traballadoras despedidas pola empresa nada máis facerse cargo do contrato.
A protesta, que contou co apoio tamén con persoas traballadoras de Prezero -a anterior concesionaria do servizo- desenvolveuse ás portas do consistorio a partir das 11:00 horas ao berro de “Despedidas readmisión”. Dende a central sindical lembraron que no caso de que a compañía non dea marcha atrás na súa decisión dará comezo unha folga indefinida no servizo este luns día 26.
Mais o Goberno local vén de anunciar a través dos medios de comunicación que se vai poñer en contacto con Serveo para instala a readmitir as traballadoras, ao tempo que asegurou que os servizos xurídicos do Concello estudarán se se están a producir irregularidades na concesión, o que motivaría a perda do contrato.
Serveo comunicou o pasado 15 de setembro os catro despidos aducindo supostas causas técnicas e organizativas, os únicos motivos que recolle o prego de condicións do concurso para despedir persoal, pero a CIG sostén que motivo real é económico, “xa que a estas persoas traballadoras aplícaselles o convenio de recollida do lixo e limpeza viaria da empresa anterior, que é un pouco máis alto a nivel salarial que o provincial”.
De feito, a día de hoxe a compañía xa contratou catro traballadoras novas para substituír as despedidas. “A propia empresa recoñece que o servizo non lle é rendíbel economicamente, pero xa o sabía cando presentou unha oferta á baixa para facerse co contrato”.