Persoal da Inspección de Traballo mobilizarase para exixir solucións urxentes á situación insostíbel do organismo
Persoal da Inspección de Traballo vaise concentración este martes, 29 de novembro, na Dirección Xeral de Función Pública en Madrid para denunciar "a situación insostíbel" que vive o organismo e reclamar o cumprimento do acordo asinado xa o pasado ano, pero que a día de hoxe "segue nun suposto estudo no interno da administración". A representación sindical critica que malia os compromisos do Ministerio de Traballado e do Ministerio de Facenda, non se aplicou aínda nin unha soa medida para resolver os graves déficits de persoal, organizativos e de medios que padece a ITSS.
"A situación da Inspección de Traballo e Seguridade Social empeora cada día que pasa. Hai moitas mensaxes triunfalistas da dirección do Ministerio de Traballo e Economía, pero nin unha soa solución estrutural", alertan. A plataforma sindical considera incríbel que ano e medio despois da realización do diagnóstico e da identificación das medidas ou solucións para a ITSS "aínda se estea no proceso de reflexión".
"Non pode crerse, a non ser que o que se pretenda sexa entreter, ocultar o severo déficit que se pon de manifesto no organismo e enterrar un grupo de solucións modestas pero capaces de acadar un chanzo decisivo que permita construír a Inspección que precisamos", valoran.
Subliñan que o organismo necesita de maneira urxente máis persoal, mellorar as dotacións técnicas e materiais, e que se dote de instrumentos propios para responder á complexidade do mundo laboral actual". "É necesario que todo iso sexa da Inspección e que non se privatice irresponsabelmente, é necesario recoñecer o esforzo do persoal, dotalo de expectativas de futuro e non seguir enganándoo como até a data; e é necesario facelo de forma urxente porque a Inspección estase desangrando, estase descapitalizando a unha velocidade vertixinosa", denuncian.
Neste senso, a representación sindical lembra que a ITSS segue funcionando grazas ao esforzo diario do persoal "mais a situación é insostíbel: ou as solucións chegan ou finalmente o organismo fracasará no importante papel que debe desempeñar". Critican o desleixo tanto do Ministerio de Traballo como o de Facenda, a quen acusan de desentenderse da problemática "e apostar por unha Inspección débil e ruinosa".