Persoal da Inspección de Traballo concéntrase para reclamar o reforzo e a modernización do organismo
Traballadoras e traballadores da Inspección de Traballo e Seguridade Social concentráronse este luns diante das delegacións provinciais para reclamarlle ao Goberno español que, dunha vez por todas, poña en marcha as medidas necesarias para corrixir as graves carencias que sofre o organismo. As protestas preceden á segunda xornada de folga convocada no sector, que terá lugar este mércores 25 de xaneiro.
Nas concentracións, a representación sindical lembrou que hai dous anos xa que se abriu un proceso de negociación colectiva para tentar resolver as carencias administrativas, os desaxustes de persoal e a falta de dereitos e expectativas do persoal da ITSS. Nese contexto alcanzouse un acordo entre a plataforma sindical e o Ministerio de Traballo no que se recollen as medidas máis urxentes para garantir o funcionamento do organismo, tanto a nivel de cadros de persoal, como de medios técnicos e organizativos, "dando cobertura a unha estrutura mínima para ter unha Inspección de Traballo de futuro e que dera cobertura ás cambiantes relacións laborais que hai hoxe en día".
Pero ese acordo "está no caixón do Ministerio de Facenda e dende entón non temos ningún avance", critica José Juan Fernández, representante da CIG. Neste senso, subliña que este acordo "dá resposta ás necesidades do propio organismo, ás demandas do persoal no relativo á carreira profesional e asunción de novas competencias, conta ademais con respaldo económico ao estar orzamentado e conta co aval de toda a normativa legal".
A falta de aplicación das medias e información concreta, levou a parte social a retomar as mobilizacións e á folga do pasado 21 de decembro, histórica por cando era a primeira vez que todos os colectivos laborais da Inspección de Traballo ían xuntos a unha convocatoria de folga.
Dende entón, tampouco se teñen producido avances. Ao contrario, sinalaron as organizacións sindicais, "as actuacións foron, unha tras outra un conxunto de despropósitos", cunha discusión interna entre o Ministerio de Traballo e o de Función Pública "que só pode entenderse se o que se pretende é enterrar o acordo".
Falta de persoal acuciante
A este respecto, o representante da CIG apunta á urxente necesidade de cubrir postos de traballo que teñen as diferentes delegacións da ITSS en Galiza, en todos os niveis: cargos intermedios, persoal informático, administrativo e inspector. "En Galiza hai 239 traballadoras e traballadores, necesitamos polo menos un 40-50% máis de persoal para estar nas ratios marcadas pola OIT, que estamos moi lonxe de cumprir", alerta.
Fernández matiza que estas carencias de persoal derivan en atrasos na tramitación e resolución dos expedientes, que sofren demoras de até un ano. Unha situación que resulta intolerábel para un organismo que precisamente ten entre as súas funcións vixiar o cumprimento dos dereitos no ámbito laboral.
Folga o 25 de xaneiro
Por iso, fronte a esta parálise, o persoal exixe que se recoñeza o seu traballo, a adecuación da estrutura administrativa, o dereito a unha carreira profesional, un Plan de Emprego "e uns niveis de acceso actualizados cun complemento específico adecuado á responsabilidade e funcións realizadas". Pero sobre todo, defenden a aplicación inmediata do acordo asinado o 7 de xullo de 2021, que se cumpra co Plan Estratéxico e se fortaleza a institución.
"Non queremos encomios nin aplausos da ministra polos obxectivos conseguidos, queremos unha RPT digna e un organismo moderno e capacitado para responder adecuadamente ás esixencias do mercado laboral", reiteran.
Por todo iso, o próximo 25 de xaneiro, "expresaremos o noso malestar e tamén o noso desexo de mellorar as nosas condicións de traballo, cun seguimento masivo da folga".