Persoal da industria química ourensá: “Se sube o IPC, os salarios tamén!”
Delegados/as sindicais da CIG-Industria de Ourense protagonizaron hoxe unha intensa xornada de loita para denunciar a perda de poder adquisitivo no sector químico, con concentracións diante diante das empresas Tecnogap, Hispaplasti e Refigal ao berro de “Se sube o IPC, os salarios tamén”. Dende a central sindical reclaman a actualización dos soldos e o pago de atrasos, xa que o convenio de 2021 e 2022 non inclúe cláusula de revisión salarial nin cobro dos atrasos correspondentes.
A primeira das mobilizacións tivo lugar diante das instalacións de Hispaplasti no polígono empresarial de Pereiro de Aguiar, onde se despregou unha faixa co lema “Salarios xustos. Convenios dignos na Galiza” e se berraron consignas contra o empobrecemento dos soldos e reclamando unha actualización salarial que compense a perda de poder adquisitivo.
Os e as participantes trasladáronse a continuación en manifestación até as portas de Tecnogap, tamén no polígono, para rematar diante de Refigal, en San Cibrao das Viñas, a onde se desprazaron nos seus vehículos.
Segundo explican na CIG-Industria, a perda de poder adquisitivo do persoal traballador das empresas do sector químico situouse en xaneiro no 19,4%, xa que o IPC acumulado de 2021 e 2022 foi do 13,6% e o de xaneiro deste ano do 5,8%. En consecuencia, a caída dos soldos está a ser “durísima”, xa que o convenio asinado por CCOO e UGT non contempla a cláusula de revisión salarial nin o cobro de atrasos. De feito, neste período os soldos medraron unicamente un 13,6% fronte ao 19,4% que o fixo o IPC.
O ano comezou tamén cun IPC disparado, do 5,8%, polo que de manterse a tendencia os atrasos salariais non percibidos elevaríanse até o 19,4%, o que suporía un “recorte brutal” dos soldos. Diante disto, a central sindical aposta por levar a cabo unha xornada de loita diante das principais empresas do sector “afectadas por estes recortes aplicados no convenio de Industrias Químicas” en demanda dunha actualización salarial e do cobro dos atrasos.