Persoal da empresa de transporte de Sogama reclama solucións diante da falta de horarios, materiais e medidas de seguridade
A FGAMT-CIG de Compostela considera que se trata dun problema político, porque Sogama é unha empresa de capital maioritariamente público que, ademais, depende da Xunta de Galiza.
Nese sentido Inácio Pavón, representante da federación na comarca de Compostela, sinala que este é un servizo público que foi, no seu día, obxecto de debate no Parlamento de Galiza e que o propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “manifestou que o problema que existía coa anterior concesionaria –Pellejero S.L- estaba solucionado e que a xente ía seguir traballando nas mesmas condicións nas que se estaba”.
En todo caso especifica que “nós neste intre non estamos pedindo cartos se non, como mínimo, o dereito a saber cando traballamos e cando descansamos”. E é que cando comezou a operar esta empresa, que é unha subcontrata da UTE (COPASA, RENFE e Logirail) que se levou a concesión, ao persoal se lle especificou, nas entrevistas, que ía cobrar menos do que o viñan facendo con Pellejero, pero que habería unha maior facilidade para a conciliación da vida laboral e familiar porque o traballo non excedería das 8 horas, como moito 9, incluíndo aí os tempos de descanso, condución, esperas e carga e descarga e que habería cuadrantes para que cada quen organizara a súa vida.
Porén, “a realidade é absolutamente diferente desde o primeiro día. O segundo día xa tivemos que enviar un escrito con todas as deficiencias detectadas, que ademais do desastre nas quendas de traballo, que relacionamos co inicio do servizo, tiñan que ver con falta de material de traballo e con problemas de seguridade”.
Entre outras, o representante da FGAMT-CIG de Compostela sinalou falta de luces nos camións para carga de descarga, que son imprescindíbeis porque moitas se fan de noite e en moitos casos co traballador só na planta de transferencia; en terreos en malas condicións –vertedoiros-; falta de roupa de traballo; de roupa de augas e de botas, co inverno que houbo e coa xente á intemperie, e sen sequera luvas axeitadas, xa que as que entregou a empresa –un só par en tres meses- se se mollan esvaran.
Problemas de seguridade
Ademais destas deficiencias, tanto o representante da FGAMT como José Ramón Montero Tato, traballador da empresa, sinalaron a especial gravidade que ten que haxa camións circulando co freo intarder -que é un freo hidráulico que se emprega para as baixadas, para soportar a carga sen ter que dar no de pé porque se quentaría de máis- estragado. “Están avisados de que está sen amañar e non o fan”, explicaron.
A isto engadiron plataformas que circulan sen placas de matrícula; problemas para manexar a panca que manobra a carga e descarga e ao tempo atender os retrovisores para controlar que se está facendo correctamente o traballo; falta de luz para facer as repostaxes, que se fan varias veces ao día, ás veces de noite, na propia planta, e sen extintores preto ou contedores cun tamaño que non se corresponde co espazo previsto e que van moitas veces dando bandazos, co risco de que calquera día envorque un camión.
Horarios de traballo e sancións
En todo caso, para o persoal unha das cuestións especialmente preocupantes é a dos horarios, porque ademais de seren avisados, como máximo cunha semana de antelación e, en non poucas ocasións, con escasas horas de antelación e de forma individual, “nunca existe un calendario onde figure todo o persoal coas quendas de traballo”, denuncia Pavón.
Tal é así que, de feito, na rolda de prensa convocada para denunciar esta situación tiña que ter estado o delegado da sección sindical da CIG, pero na noite do xoves foi avisado de que en lugar de entrar ás doce, tiña que incorporarse ás dúas e media da madrugada, co cal non puido asistir.
A este respecto denunciaron que hai, neste intre, 5 traballadores sancionados cun día de emprego e soldo, porque o día 16 de maio foron avisados entre as 18:00 e as 20:30 horas de que tiñan que incorporarse ás 00:00 horas, xa día 17 de maio. Cinco traballadores que dixeron que lles era imposíbel facelo e que recibiron, a consecuencia diso, un castigo por non estar dispoñíbeis nun día festivo.
Pero se eses casos son graves, para a FGAMT-CIG de Compostela aínda o son máis os das sancións de 15 días de emprego e soldo comunicadas a traballadores aos que a empresa non lles facilitou ir ao SMAC da Coruña a presentarse a un acto de conciliación e, aínda así, foron. “A empresa simplemente lles mandou unha carta ameazante dicindo que quen se presentara á conciliación se ativera ás consecuencias”.
Estas sancións aínda non son definitivas, están na fase de alegacións. Aínda así, para Pavón é moi grave que se pretenda “vulnerar o dereito de calquera traballador ou traballadora á súa defensa xurídica e ao seu dereito a presentar demandas por despedimento”. Lembra ademais que de non se ter presentado ao acto de conciliación ou non presentar un poder implicaría o desestimento da demanda.
Previsión de accións
Diante desta situación xa se solicitou unha entrevista con Sogama, que non foi concedida e outra coa concesionaria que si se celebrou. Tamén solicitarán entrevistas cos concellos e coas formacións políticas, para pór no seu coñecemento o que está ocorrendo e porque entenden que alén da empresa, hai responsábeis directos: SOGAMA, o PP e Núñez Feijóo, que foi quen asegurou que había un compromiso político en sede parlamentaria. Ademais iniciarán medidas de presión, entendendo que 3 meses son abondo para solucionar problemas dos que se advertiu o primeiro día en que comezou a nova contrata.
Problemas con Transportes Pellejero e Hijos
Inácio Pavón entende que esta situación deriva do conflito que houbo con Transportes Pellejero. Daquela, co cambio de contrata perdíanse 68 postos de traballo e finalmente, e a raíz do compromiso parlamentario de solucionar a situación, foron 54 as persoas recolocadas na actual empresa.
Porén, os problemas non remataron aí. Unha vez confirmado que estes 54 traballadores serían contratados por Pacholo S.L, primeiro recibiron unha carta de Pellejero na que se lles indicaba que deixaban de estar suxeitos ás condicións que se pactaran no ERE, que en todo caso serían de 20 días por ano traballado, e posteriormente, a comunicación de que os seus serían despedimentos disciplinarios e sen dereito, xa que logo, a ningunha indemnización.
A consecuencia é que agora estes traballadores perderon toda a súa antigüidade e quedaron, ademais, sen cobrar a indemnización á que tiñan dereito. Para Pavón esta situación é responsabilidade directa da administración. “Neste caso tiña que ter operado a subrogación, porque o traballo é, evidentemente, o mesmo que facían antes, pero como a administración non o tiña regulado agora as consecuencias son estas: que a empresa anterior pretenda lavarse as mans e que a empresa que vén agora explote indiscriminadamente ao persoal dunha maneira escandalosa”, denuncia.