Persoal da Atención Primaria reivindica mellores condicións e un plan de ordenación na primeira xornada de folga

O paro está rexistrando un amplo seguimento a pesar dos “servizos máximos” impostos pola Consellaría
Nacional - 26 Nov 2025

Traballadoras e traballadores dos centros de saúde e PAC manifestáronse este mércores arredor da Consellaría de Sanidade coincidindo coa primeira das tres xornadas de folga convocadas pola CIG para exixir unha aposta política decida polo futuro da Atención Primaria e a sanidade pública. Malia os servizos mínimos abusivos impostos, a CIG-Saúde valorou positivamente o elevado seguimento que está a ter a folga e animou a secundar o paro e as mobilizacións convocadas para mañá xoves e para o venres.

Manuel G. Moreira, da Executiva da CIG-Saúde, explicou que a central decidiu manter as tres xornadas de paro xeral ao considerar insuficiente a última proposta trasladada pola Consellaría. “Aínda que recolle algunha das melloras que levamos anos reclamando, apuntou, non consolida unha situación con perspectiva de futuro para a Atención Primaria, nin dá resposta á grave crise na que se atopa este piar fundamental da nosa sanidade pública”.

 O representante da CIG salientou que se requiren “medidas concretas, planificadas e avaliábeis para poder ter un mínimo de credibilidade” tendo en conta que hai máis de dous anos que “estamos demandando actuacións que non se puxeron en marcha e nin sequera se levaron á Mesa Sectorial cuestións xa planificadas pola propia Consellaría”.

Cómpre negociar un plan de ordenación

Acusou a Sanidade de ser responsábel da “incapacidade actual da Atención Primaria para responder ás necesidades asistenciais da cidadanía”; e neste contexto, reiterou a necesidade de manter a convocatoria de folga en todas as categorías da Atención Primaria “para conseguir que ese plan de ordenación dos recursos humanos que estamos demandando sexa unha realidade”.

Moreira aclarou que o documento asinado o luns resulta tan ambiguo que nin sequera compromete a negociación dun plan de ordenación. “O que di é que se van negociar medidas sen coherencia e que nun futuro indefinido estas se plasmarán ou non”, matizou.

Sobre os cadros de persoal nos centros de saúde e PAC,  Moreira insistiu en que non existen razóns para que as áreas administrativas estean sobrecargadas, cando hai traballadoras e traballadores dispoñíbeis nas listas de contratación; para que non se potencie e reforce a fisioterapia e mesmo se estea derivando esta actividade á sanidade privada, mentres hai profesionais esperando ser contratadas/os; ou que non se atenda á saúde mental cos recursos necesarios de psicoloxía clínica na Atención Primaria, cando non hai déficit de profesionais nesta categoría.

No lado contrario, apuntou que as actuais dificultades para atopar persoal de medicina de familia e os problemas que se agardan no futuro para contar con persoal enfermería, agravaranse “se non creamos un escenario laboral atractivo para que as e os profesionais queiran traballar na Atención Primaria”.

Aposta política pola sanidade pública

Para Moreira, a chave para resolver o déficit de persoal e servizos está na elaboración dese plan de ordenación de recursos humanos “que significaría a aposta política que lle pedimos á Consellaría pola Atención Primaria, pero que non se plasma no documento que trasladaron nin tampouco se reflicte nas contas da Xunta para 2026, xa que incluso diminúen os orzamentos dedicados á mellora das condicións de traballo na Atención Primaria”.

Considerou que o amplo seguimento da folga, con especial incidencia entre o persoal de medicina de familia, “evidencia o apoio maioritario das traballadoras e traballadores que vén como o seu futuro está sendo condicionado e que non poden desenvolver todas as súas posibilidades no ámbito profesional”.

Criticou que non se están a facer actividades de promoción da saúde e prevención da enfermidade, nin actividade de formación, docencia e investigación nos centros, e que nin sequera se pode atender con calidade ás persoas usuarias “con axendas de 40 pacientes que medran indefinidamente”.

“Isto non é sostíbel. É o momento de reclamarlle ao conselleiro que asuma as súas responsabilidades na situación da Atención Primaria e que dea solucións”, concluíu.