Persoal da Atención Primaria concéntrase nos centros de saúde na segunda xornada de folga
No segundo día de folga na Atención Primeira, o persoal concentrouse diante de diversos centros de saúde do país para exixir melloras nas condicións de traballo, a negociación e aplicación inmediata do plan de ordenación dos recursos humanos e unha aposta política en defensa deste ámbito fundamental da sanidade pública.
Malia os servizos de "máximos" decretados polo Sergas, que nalgúns casos incluso superan os efectivos reais existentes nos centros, a folga ten un impacto elevado entre o persoal que si pode facer efectivo este dereito fundamental. Manuel González Moreira, da Executiva da CIG-Saúde, subliñou que hai categorías nas que o seguimento é maior que noutras, pero criticou a contabilización que realiza a Consellaría de Sanidade ao facilitar datos de participación sen discriminar ao persoal que non pode facer folga e mesmo incluír no cálculo de porcentaxes as traballadoras e traballadores en ausencia xustificada.
Unha estratexia, apuntou, coa que a administración busca desmotivar e desmobilizar e fronte á que recalcou a importancia de manter a mobilización para condicionar a actitude da Consellaría na reunión da Mesa Sectorial convocada para o venres 5 de decembro. “Non sabemos que se vai tratar nesa xuntanza, porque non hai orde do día, nin se nos trasladou ningún documento para negociar, como é habitual”, lamentou.
A CIG-Saúde acudirá a esa Mesa “defendendo o mesmo que defendemos no comité de folga” e cunha reivindicación fundamental: analizar a situación real de todas as categorías profesionais e “crear un escenario en positivo para o futuro da Atención Primaria”. Para conseguilo, matizou Moreira, é preciso que se dote as categorías deficitarias de máis profesionais pero tamén que se melloren as condición de traballo “porque senón non conseguiremos incorporar novos/as profesionais e estaremos agravando o problema”.
En paralelo, demandou unha aposta política sen fisuras pola Atención Primaria que debe traducirse na negociación xa dun plan de ordenación dos recursos humanos “con efectos inmediatos” e que ten que plasmarse nos orzamentos da Xunta de Galiza para 2026 que están en tramitación parlamentar. “Non pode ser que Sanidade pretenda demorar todas as medidas e que teñan efecto orzamentario ao ano 2027 ou 2028. Iso significa manter a situación actual de precariedade na Atención Primaria”, denunciou.
O representante da CIG-Saúde advertiu do total desmantelamento da Atención Primaria con profesionais exhaustos/as “que non dan máis pero que son quen manteñen a asistencia e a calidade asistencial que se dá á cidadanía”. Nas condicións presentes, engadiu, non resulta atractivo traballar nos centros de saúde nin nos PAC, polo que o persoal que se incorpora á sanidade pública non optará por este ámbito se non mudan as condicións.
Nunha radiografía rápida da Atención Primaria, Moreira resaltou a falta de profesionais da medicina de familia ou de pediatría (existen centros de saúde nos que as crianzas que non teñen pediatra de referencia); a saturación que sofren as áreas administrativas -malia haber persoas nas listas de contratación-, con PSX que asumen funcións, competencias e responsabilidades moi por enriba da súa cualificación; a infraactividade na fisioterapia ou a insuficiente atención á saúde mental porque o Sergas non quere contratar profesionais.
“Fronte a isto temos que dar unha resposta contundente para lograr cambiar o rumbo. Esta crise na Atención Primaria é culpa da Consellaría, de anos de falta de planificación e de recortes, e é a Consellaría quen ten a responsabilidade de pór solucións enriba da mesa”, concluíu Moreira, animando a secundar a xornada de folga de mañá venres e a participar nas concentracións.
Mobilizacións para o venres 27 de novembro, ás 11 horas:
- A Coruña: na Casa do Mar
- A Estrada: no Centro de Saúde
- Cambados: no Centro de Saúde
- Lugo: no Centro de Saúde da Praza de Ferrol
- Monforte: no Centro de Saúde
- Ourense: no Centro de Saúde Nóvoa Santos
- Pontevedra: Centro de Saúde Virxe Peregrina
- Ribeira: no Centro de Saúde
- Vigo: no Centro de Saúde Taboada Leal