Persoal da Área Pública demanda no Parlamento servizos públicos de calidade e a recuperar dereitos
Delegados e delegadas da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) concentráronse este mércores diante do Parlamento de Galiza para demandar uns servizos públicos de calidade e a recuperación dos dereitos laborais e salariais perdidos ao longo destes anos. A mobilización, que se repetirá o vindeiro luns, día 6 de febreiro, coincidiu co debate e votación dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017.
Segundo explicou a portavoz da Área Pública, Maricarme López Santamariña, con esta mobilización “queremos manifestar a nosa oposición a uns orzamentos que non se diferencian nada dos presentados polo PP en anos anteriores”, explicou a portavoz da Área Pública, Maricarme López Santamariña.
E é que para Ensino, Administración e Saúde, o proxecto de orzamentos presentado polo goberno Feijóo “confirma unha vez máis o recorte dos nosos dereitos e os nosos salarios, non pula por unha recuperación efectiva dos servizos públicos, non contempla ningunha referencia ás taxas de reposición, simplemente se dedican a facer declaracións a través do presidente Feijóo que xa dixo que eles acatarán no que se decidira en Madrid. Non teñen a decencia sequera de manifestar que a Xunta está porque se rache coas taxas de reposición”.
A este respecto, López Santamariña lembrou que no recente cumio de presidentes autonómicos Feijóo “non abriu a boca” na defensa dos servizos públicos, malia presentar estes orzamentos como os da recuperación. “Véndenos como se supuxeran un gran avance no campo dos servizos públicos, con esa oferta de emprego que anuncia por aí de 3.000 postos de traballo, que é unha cativez se temos en conta como se laminaron os servizos públicos e nin sequera aportan solución algunha á grande taxa de precariedade que se padece”.
Canto aos dereitos económicos e laborais do persoal, a portavoz da Área Pública denunciou que aínda que se repite que van ser recuperados “non van repoñer a totalidade da paga extra porque quedan sen recuperar a parte salarial que nos recortaron xa co goberno Zapatero do 5% e os demais complementos que nos quitaron”. Ademais, engadiu “tampouco se fala en ningún momento da reposición dos nosos salarios de 2013”.
Para a Área Pública é tamén “unha falta de respecto” que non se presenten á representación sindical, e nomeadamente á CIG como central maioritaria na función pública, ningunha das medidas que se veñen anunciando no Parlamento ou a través dos medios de comunicación. “En ningún momento poñen no noso coñecemento as intencións que teñen de cara aos traballadores e traballadoras das administracións públicas e cara aos propios servizos públicos”.
Por todo isto, López Santamariña asegurou que a central sindical vai estar sempre “estas políticas de destrución dos servizos públicos e do emprego público que non aportan ningún avance nin económico, nin laboral, nin social, dos seus traballadores e traballadoras”.
Equiparación do persoal
Xunto a isto, a Área Pública da CIG considera tamén grave que se manteñan as distincións entre o persoal da propia Xunta de Galiza. “Non poñen remedio para regularizar o persoal que teñen nos entes públicos, nomeadamente o Consorcio Galego de Servizos Sociais, nin poñen enriba da mesa solucións para a integración, dunha vez, do seu persoal no V Convenio co fin de igualar as súas condicións de traballo. Algo que deberían facer en todos os entes da Xunta de Galiza”.