Persoal da área de servizo de Guitiriz rexeita as represións e os despedimentos practicados por Galpgest
Traballadores e traballadoras da área de servizo de Guitiriz na A-6 (dirección A Coruña) concentráronse na tarde deste venres en rexeitamento á represión practicada pola empresa Galpgest. Coa protesta tamén quixeron reclamar a readmisión inmediata do compañeiro despedido de maneira inxusta.
O secretario comarcal da FGMAT-CIG, Christian López, alerta que o persoal deste centro de traballo "está sendo o branco de distintas represalias, así como de vulneracións en materia de dereito á confidencialidade e á intimidade", pois cun exceso de celo, explica, tras a súa chegada ao servizo, Galpgest implantou nas áreas de servizo da A-6 en Guitiriz un sistema de videovixilancia intrusivo.
Pero ao tempo, a empresa está incumprindo cos dereitos laborais do seu persoal e pretendendo precarizar as condicións de traballo. A isto súmase que a comezos deste mes, a empresa notificou neste centro de traballo varias sancións inxustificadas e completamente discriminatorias. Unha destas derivou nun despedimento disciplinario dun traballo. Por iso, coa protesta o persoal quixo reclamar respecto polos seus dereitos e a readmisión inmediata do compañeiro
Este tipo de actuacións, advirte López, estase a converter unha tendencia xeneralizada neste empresa "para precarizar o persoal do sector, mentres non escoita as demandas dos traballadores e traballadoras para que se lles garanta a seguridade nas instalacións durante as noites ou mesmo ter acceso a auga potábel. Ao contrario, Galpgest dedícase a practicar a política de represión e a tentar precarizar as condicións laborais".