Persoal da Administración Xeral do Estado trasladou a Vigo as protestas contra a privatización de servizos
Un grupo de delegados e delegadas sindicais, ao igual que aconteceu a semana pasada en Pontevedra, levou a cabo concentracións ao longo de toda a mañá diante de distintos edificios públicos e aproveitaron para repartir follas informativas entre os seus usuarios/as.
A xornada comezou ás portas das oficinas do SEPE na rúa López Mora e a continuación a protesta trasladouse á oficina do CAISS, rúa Pintor Laxeiro; despois pasou pola Comisaría de Policía, Dirección Xeral de Tráfico e rematou diante de Facenda, na rúa Lalín.
O obxectivo da campaña é sensibilizar a cidadanía do custo engadido que supoñen as privatizacións dos servizos públicos e informar aos usuarios/as das consecuencias dunhas privatizacións “que empeoran a calidade do servizo público ofrecido, mesmo producíndose duplicidade, incrementando o custe e deixando en mans de empresas privadas o manexo de miles de datos sensíbeis”.
Neste senso, denuncian que está demostrado que en ocasións os servizos privatizados teñen maior custe económico que cando son realizados por empregados/as públicos/as, mais a Admninistración “négase a facer estudos obxectivos que avalen o suposto abaratamento”. Así, lembran que o propio Tribunal de Contas ten amosado críticas a respecto dos contratos con estas empresas por falta de xustificación, transparencia, etc.