Persoal da administración pública mobilízase en solidariedade co pobo palestino
No día no que Israel afondou na súa agresión á poboación gazatí bombardeando a localidade de Rafah e tomando o control do paso fronteirizo, persoal da administración galega mobilizouse nos edificios da Xunta das sete cidades en solidariedade co pobo palestino. Nas concentracións convocadas pola CIG-Administración, co apoio de Mar de Lumes, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico Árabe Jenin, reclamouse o cesamento inmediato do fogo e instouse a UE para que impoña un embargo militar e suspenda o acordo de asociación con Israel.
Baixo o lema “A administración pública galega en apoio ao pobo palestino”, con estas mobilizacións a federación da CIG quixo denunciar que o conflito en Gaza xunto ás duras restricións que o Goberno Israelí impuxo en Cisxordania "teñen un impacto devastador nas condicións laborais e humanitarias do pobo palestino". Por iso, lembraron, as Administracións Públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar o conflito en Gaza e apoiar un xenocidio que debe deterse inmediatamente.
A CIG-Administración rexeita a xestión do conflito e dos recursos públicos que se están destinando "para alimentar un conflito que deixa mutilacións, asasinatos de decenas de miles de civís, fame na poboación e a destrución de todos os medios de vida". Os acordos bilaterais de comercio entre a UE e Israel deben suspenderse inmediatamente como medida de presión e esixir o cesamento do conflito bélico.
Neste sentido, cómpre reorientar a asistencia internacional cara á reconstrución da lexitimidade das institucións palestinas ampliando a súa capacidade para servir e representar as palestinas e os palestinos en todo o territorio ocupado. "É fundamental, recalcouse no manifesto lido ao remate das concentracións, o apoio ás institucións palestinas e suprimir os mecanismos que alimentan o conflito".
A federación da CIG fixo un chamamento para que as administración públicas do resto de Estados da UE se sumen e manifesten publicamente o rexeitamento a xestión política dos recursos públicos que se está facendo e a oposición ao conflito de Gaza.