Persoal da administración pública galega mobilízase por unha atención de calidade e sen discriminación
Persoal da administración pública galega mobilizouse esta mañá, xunto co colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, en demanda de atención presencial e por unha atención á cidadanía “de calidade e sen discriminación”. Consideran que a dixitalización e a cita previa “serven para expulsar ás persoas máis vulnerábeis das administracións e servizos públicos”.
Segundo explicou ao inicio da mobilización o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, o sistema de cita previa nas administracións públicas instaurouse como única forma para que a cidadanía acceda á atención presencial nos diferentes organismos a raíz da pandemia. Mais, apuntou, “quen traballamos en oficinas de atención ao público somos coñecedores de que a día de hoxe, coa escusa conxunta da transformación dixital e a cita previa a parte máis vulnerable da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos”.
Solicitar unha cita
Carballo apuntou que xa o primeiro paso para ser atendido polas administracións, o acceso a unha cita, supón dificultades porque “nin todo o mundo usa internet, nin o público xeral ten acceso á linguaxe técnica, nin é doada a comunicación con máquinas en lugar de con persoas” e mesmo que, en moitos casos, “supón un custo económico para algúns sectores da sociedade” que, por diversas causas, como idade, formación ou dispoñibilidade de medios técnicos, só poden acceder aos servizos públicos se contan coa axuda de familiares ou pagando a asesorías pola realización de tarefas que, subliñou “corresponden recibir das administracións e do seu persoal”.
Lembrou que a CIG leva anos denunciando que “asistimos a unha inquietante conxunción de desmantelamento e privatización de servizos e a un proceso de dixitalización e dificultades de acceso físico aos organismos para realizar trámites que están a provocar un distanciamento nunca visto da administración coa cidadanía”.
Falta de persoal
O secretario nacional de CIG-Administración denunciou ademais a falta de persoal que considerou que “agrava o problema”. Neste sentido afirmou que “para atención presencial derívanse cada vez menos recursos humanos e chamou a atención sobre o feito de que, ademais, para a tramitación electrónica “a formación das empregadas e empregados públicos é insuficiente ou inexistente, os medios técnicos arcaicos, os sistemas usados pouco intuitivos e mesmo hai múltiples fallos de conexión”.
Canda isto denunciou este modelo de “xestión de políticas liberais” e rexeitou que a privatización de servizos públicos “se normalice”, como ocorre en numerosos exemplos de servizos públicos que están a ser xestionados por empresas privadas entre os que citou SEGIPSA, que xestiona actividades do Catastro; TRAGSATEC, que leva entre outras xestións a do ingreso mínimo vital e a execución dun servizo de apoio técnico á consellaría de Política Social na xestión de diversas axudas; EGFP SA, participada nun 60% polo BBVA, nun 20% por CCOO e outro 20% por UGT e que xestiona o plan de pensións privado da AXE con fondos públicos ou o servizo de atención telefónico, fundamental para a xestión da cita previa, que está practicamente privatizado –ademais de non funcionar-.
Carballo denunciou tamén que a conxelación de ofertas de emprego público e o mantemento da taxa de reposición de efectivos está a provocar unha situación de falta de persoal nas administracións públicas, o que afonda aínda máis “no problema de retraso na tramitación, na telemática, pero de especial importancia para o que significa servizo público, da atención presencial”.
Por iso considerou que o cambio de sistema “non pode servir de amparo para xustificar o profundo deterioro dos servizos públicos que a sociedade galega está a padecer, nin para afondar nesas privatizacións”.
Devolver á cidadanía o público
Diante desta situación a CIG reclama a recuperación da atención presencial sen cita previa para as persoas que o precisen; xestión de ratios de cita previa que se axusten á demanda e non supoñan un retraso de semanas; posibilidade de xestionar a cita previa de forma presencial; eliminación da obrigatoriedade para a cidadanía de realizar ningún trámite de forma electrónica exclusivamente; cobertura 100% das vacantes; incremento das prazas nas ofertas de emprego e axilidade na súa cobertura; creación de postos de atención telemática á cidadanía; formación en aptitude dixital ao persoal público e á cidadanía; simplificación da administración electrónica e unificación dos trámites e da linguaxe nos portais electrónicos e interoperabilidade efectiva entre as administracións para non exixir documentos que xa estean en poder da administración.