Persoal da Administración do Estado aproveita a visita de 2 ministras a Vigo para rexeitar a privatización dos servizos públicos
A protesta convocada pola representación do persoal da Administración xeral do Estado comezou arredor das 10.30 horas coa chegada das ministras Ana Pastor e Fátima Báñez ao edificio situado na rúa García Barbón.
Aínda que o elevado número de axentes da Policía española mobilizados/as para a ocasión impediu que a mobilización se achegase ao lugar, a pesar de que os convocantes contaban coa correspondente autorización.
Deste xeito, a protesta desenvolveuse nas inmediacións da rotonda de Isaac Peral, onde se depregou unha faixa na que se podía ler “Contra a privatización dos servizos públicos” e se repartiron folletos informativos entre os viandantes nos que se explican os principais motivos da convocatoria.
Entre eles, rexeitar a privatización dos servizos públicos ao entender que supón a expropiación de recursos de todos/as os cidadáns/ás. Así, lembran que na actualidade empresas privadas están a xestionar datos de máis de 40 millóns de persoas a través de contratos adxudicados pola Xerencia de Informática da Seguridade Social, como tamén xestionan a atención telefónica da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Ao mesmo tempo, lembran que o persoal auxiliar de servizos xerais da Seguridade Social pertence a empresas privadas e que “as vidas laborais non se poden solicitar directamente nestas oficinas porque son xestionadas tamén por unha compañía privada”.
Denuncian que isto supón que cada ano se lle entreguen centos de millóns de euros a empresas privadas que en moitas ocasións son transnacionais con sede no estranxeiro “en base a amortizar emprego estábel e con dereitos laborais”.
Reparos do Tribunal de Contas
No texto explicativo indícase que o propio Tribunal de Contas dixo con respecto á ficalización dos contratos coas empresas privadas que “falta xustificación da insuficiencia de medios persoais e materiais”, ademais de botar de menos máis transparencia e obxectividade.
O Tribunal tamén critica a excesiva dependencia tecnolóxica, “xa que en moitas ocasións teñen que recorrer a procedementos negociados con só provedor (maior prezo)”, e a falta de estudos obxectivos comparando o custe económico que supón realizar esas actividades con persoal propio e o custe de facelas mediante a contratación de empresas externas.